34 persoas morreron na Galiza desde a primavera polas altas temperaturas

Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press
A vaga de calor do pasado mes de xuño causou 14 falecementos.

O aumento das temperaturas e as vagas de calor, cada vez máis frecuentes en lugares como a Galiza onde até non hai tanto eran case que descoñecidas, tamén causan mortes. O Sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas (MoMo) do Instituto Carlos III recolle que na pasada vaga de valor a mediados do mes de xuño —e que na Galiza tivo moito menos incidencia que no resto do Estado— faleceron no país 14 persoas como consecuencia das altas temperaturas. Unha cifra que, a nivel de Estado español, superou as 700 persoas mortas, con Madrid como territorio máis afectado (208 falecementos). A Galiza, canda Asturies e A Rioxa, é onde menos mortes se rexistraron. 

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activa a partir de hoxe a alerta vermella na Galiza por temperaturas extremas.

En incremento

Un informe do MoMo publicado o 5 de xullo cifra en 556 as defuncións na Galiza atribuíbeis á temperatura desde o pasado 2020. En marzo e xuño as persoas falecidas por esta causa no país foron 34, cifra na que se engloban as 14 persoas antes mencionadas en relación á vaga de calor.

No que vai de ano, o sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas rexistrou máis de 100 persoas falecidas na Galiza como consecuencia das temperaturas. En todo 2021 foran 171 as mortas, por 61 en 2020.

Mortaldade que aumenta por cada grao que sube

A mortaldade como consecuencia das vagas de calor é cada vez máis preocupante. A prestixiosa revista The Lancet rexistraba  máis de 356.000 persoas falecidas por mor da calor extrema en 2019. 

A calor tamén é percibida de modos diferentes en función dos rangos de temperatura na que cada persoa estea aclimatada. Non é a mesma percepción de calor en Viveiro, no norte galego, que no Algarve, no sur portugués. 

Así, o propio Instituto Carlos III e a Aemet, teñen estudos que permiten coñecer por territorios tanto a temperatura a partir da cal aumenta a mortaldade como a porcentaxe na que incrementa esa mortaldade unha vez que se traspasa dito limiar.

Así, esa temperatura a partir da cal aumentan os falecementos era na Coruña de 26 graos e en Pontevedra, 30. Superadas esas temperaturas, os falecementos aumentan en 6% na provincia coruñesa e 7% na pontevedresa. Nas de Lugo e Ourense ese aumento sería, en base a estes estudos, de 13% e 5% respectivamente. 

Precaucións

O informe climatolóxico anual de MeteoGaliza sinalou que o ano 2021 se caracterizou por ser seco e cálido na Galiza, que tivo unha temperatura media de 13,93 graos, 0,32 graos por riba do valor esperado, co que rexistra unha suba por noveno ano consecutivo.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía lembra que agora o tempo de verán ocupa "cinco ou seis semanas" máis que na década dos 80, e con temperaturas máis altas; o que implica maiores riscos para colectivos sensíbeis, como poden ser as persoas maiores ou as crianzas, entre outros.

Unha masa cálida eleva aínda máis os termómetros

Após unha fin de semana cos termómetros superando os 30º en boa parte ha Galiza, hoxe chega unha masa aínda máis cálida que fai que se activen avisos de alerta vermella por altas temperaturas en zonas do sur do país. Van ser días de suba continuada das temperaturas, sendo especialmente altas en Ourense —por riba dos 40º até a sexta feira— ou Valdeorras (entre 38º e 40º), mais tamén en Vigo (entre 37º e 38º) ou Vilagarcía (37º).