34% dos pacientes na sanidade galega son de "longa espera"

(Foto: Europa Press)
Un de cada tres pacientes da sanidade galega en lista de agarda son o que se denomina "de longa espera", é dicir, que levan máis de 60 días pendentes dunha consulta cun médico ou médica especialista e máis de seis meses en caso dunha intervención cirúrxica. Atópanse nesta situación o 34,4% dos pacientes.

34,4% das persoas que na Galiza están en lista de espera acumulan máis de 60 días de agarda para teren unha consulta cunha médica ou médico especialista ou máis de seis meses para seren sometidas a unha intervención cirúrxica. Son as denominadas pacientes de "longa espera", unha de cada tres na Galiza, nunha porcentaxe moi similar á media do Estado, onde se dan importantes diferenzas entre territorios. 

En Madrid, por exemplo, os pacientes "de longa espera" son 69% do total mentres que nas Balears non chegan a 4% e en Euskadi ou Nafarroa fican por baixo de 13%. En Asturies, por citar unha comunidade veciña, os pacientes de "longa espera" son 28%, seis puntos menos que na Galiza.

Os datos fornéceos o Ministerio de Sanidade e corresponden ao primeiro semestre do presente ano. As porcentaxes de pacientes de "longa espera" a respecto do total varían segundo as especialidades. Así, por exemplo, na sanidade galega abalan entre 43% para traumatoloxía —catro de cada 10 pacientes agardan máis de dous meses para seren atendidos— ou 40% para oftalmoloxía e 3% para xinecoloxía ou 25% para consultas de neuroloxía.

A situación podería ser aínda máis grave. As listas de espera publicadas polas autoridades sanitarias recollen só unha parte das persoas doentes que agardan por unha cita en Atención Especializada. Neste sentido, o voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, sinala que “seguen maquillando as listas de agarda ao non publicarse os doentes que se acumulan nas listas non estruturais” e denuncia “o seu importante incremento nos últimos tempos”.

En aumento

A inicios do verán na sanidade galega había 200.000 citas pendentes. Cifras que apuntan a esa denuncia de risco de "colapso" que alertan os sindicatos e organizacións de defensa da sanidade pública. Segundo o Ministerio, ao final do primeiro semestre na Galiza había 46.700 persoas en agarda por unha intervención cirúrxica, 3.300 máis que no último semestre do pasado ano. O que supón que entre xaneiro e xuño de 2022 unha media de 18 persoas cada día pasaban a engrosar a lista de espera por unha cirurxía.

Isto, ademais, nun contexto no que as listas de agarda sitúanse en máximos históricos. A este respecto, as cifras do primeiro semestre do ano superan todas as anteriores, colocándose por diante das referidas ao período da pandemia. 

Listas non estruturais

O tratamento ofrecido polo Sergas a doentes incorporados ás listas non estruturais ten sido denunciado pola propia Valedora do Pobo. Neste sentido, Dolores Fernández Galiño sinalou “a particular situación daqueles doentes que, estando na lista de agarda estrutural para ser intervidos dunha patoloxía, xeralmente con prioridade 3, rexeitaban a oferta dun centro concertado.

Estes doentes -ao rexeitar o centro privado- pasaban a formar parte dunha lista de espera diferente, coñecida como 'lista de espera non estrutural' na que non resultaba de aplicación o tempo de espera máximo estipulado legalmente para devandita cirurxía".

A Galiza, o territorio onde os pediatras atenden máis consultas presenciais

Os profesionais de Atención Primaria denuncian desde hai anos que non teñen tempo suficiente para atender o alto número de pacientes encomendados.

Os datos do Ministerio correspondentes a 2021 indican que a Galiza é o segundo territorio do Estado onte os pediatras atenden máis consultas presenciais: 5.415 cada un. Só en Castela e León atenden máis (5.788). No resto das comunidades a carga que teñen que atender estes especialistas é  menor (en Nafarroa, Catalunya ou Illes Balears non chegan ás 4.000 consultas presenciais).

A cifra de pediatras non deixou de caer nos últimos anos na Galiza. Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), os centros de Atención Primaria da Galiza contaban en 2004 con 405 pediatras, sendo o seu número en 2021, último ano con datos, 318.