O investimento sanitario na Galiza está nos postos de cola do Estado

A Galiza é o cuarto territorio do Estado onde menos se inviste en sanidade, segundo Airef (Foto: Nós Diario).
A Galiza é a cuarta comunidade do Estado onde menos se inviste en sanidade por habitante. O gasto fica en 1.691 euros ao ano por persoa, o que supón 37 euros por baixo da media estatal (1.728 euros por residente), segundo os últimos datos do organismo Airef.

O gasto sanitario contabiliza os fondos destinados pola Administración para financiar os servizos hospitalarios e especializados, de farmacia e da asistencia primaria prestada na rede de centros de saúde de cada comunidade. Nesta dirección, os custos varían en función das diversas variábeis demográficas e xeográficas dos territorios. 

A Galiza atópase á cola do Estado en investimento sanitario. Segundo os datos que vén de facer públicos a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef), cuxas últimas cifras se refiren ao exercicio de 2021, o gasto sanitario por habitante na Galiza sitúase en 1.691 euros ao ano, 37 euros por baixo da media estatal, fixado en 1.728 euros por habitante.

A Airef sinala que só Andalucía, Madrid e A Rioxa invisten en sanidade menos que a Galiza. Así, Andalucía dedica a saúde 1.546 euros por habitante, a capital do Estado destina 1.640 euros por residente, rexistrando A Rioxa un gasto de 1.646 euros por habitante. Nesta dirección, a fenda do país en relación con outros territorios e a media estatal non deixa de incrementarse nas últimas anualidades.

O investimento sanitario por habitante na Galiza é 321 euros inferior ao de Euskadi, está 261 euros por baixo do navarro, é 252 euros máis baixo que o de Murcia, 188 euros inferior ao de Cantabria, 173 euros máis pequeno que o catalán, 152 euros inferior ao de Asturias e fica 114 euros por baixo do estremeño. Asemade, tamén, gastan máis que Galiza territorios como Aragón, Castela-A Mancha, Castela e León, País Valencià, Canarias ou Illes Balears.

A situación da Atención Primaria

A situación é máis complicada en Atención Primaria. A este respecto, a Estatística de Gasto Sanitario elaborada polo Ministerio de Sanidade para 2020, último exercicio con datos, recolle que nesa anualidade a Galiza dedicou a Atención Primaria 11,6% do total do orzamento destinado a sanidade. 

A porcentaxe significa un investimento de 2,3 puntos inferior á media estatal, situada en 13,9%, e fica lonxe daqueles territorios cun gasto sanitario máis elevado. Esta cifra en Andalucía chega a 17,7% do gasto sanitario total, en Castela e León a 16 %, en Estremadura a 15,5% e en Nafarroa a 15,25%. Só Madrid gasta menos diñeiro en Atención Primaria que a Galiza.

Caída do gasto sanitario

O gasto sanitario ten caído na Galiza de forma importante nos últimos anos. Sen ir máis lonxe, até 2019 o investimento en saúde no país era superior á media estatal, superando nesa anualidade en 13 euros o gasto por habitante do conxunto do Estado. Precisamente, a partir deste exercicio comeza a agrandarse a fenda nos diversos niveis sanitarios, até aquela altura só existente no nivel primario. 

O custo da prestación sanitaria na Galiza é máis elevado que na media do Estado. Neste sentido, o voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, apunta a Nós Diario que “o gasto por habitante na Galiza debe ser superior de atender a dispersión xeográfica do país e o nivel de envellecemento da poboación”. Na mesma dirección, significa que “a xente maior "presenta tres veces máis problemas de saúde que a doutros grupos de idade e polo tanto require de tres veces máis atención”.

O custo dos servizos

A totalidade dos estudos coinciden en sinalar o aumento das necesidades sanitarias a medida que se incrementa a idade. Así, os investigadores da Universitat Pompeu Fabra de Catalunya, Jaume Puig-Junoy e Ruth Puig Peiró, teñen sinalado para o conxunto do Estado español, “con respecto á relación existente entre as visitas ao médico e á idade dos individuos", dous colectivos que realizan un uso da Atención Primaria 50% superior á media: a poboación de entre 0 e 4 anos e a de máis de 65.

Os datos da Galiza non resisten comparación cos do conxunto do Estado. Mentres o índice de envellecemento sitúase na Galiza en 202%, o cal representa 202 persoas maiores de 64 anos por cada 110 menores de 16, no Estado español representan 125,79%.