330.890 persoas emigraron da Galiza na última década

Até 11.156 galegos e galegas emigraron no primeiro semestre do último ano. (Foto: Europa Press).

11.156 galegos e galegas emigraron no primeiro semestre de 2021. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), 7.500 persoas abandonaron Galiza con destino a outros puntos do Estado español. Pola súa parte, outros 3.656 cidadás e cidadáns galegos tomaron dirección a diversos lugares do mundo, destacando polo seu número aqueles que se dirixiron a Suíza, Francia, Alemaña e Reino Unido.

Madrid volveu a ser o primeiro destino estatal da emigración galega en 2021 con 1.476 persoas que marcharon á capital española. Tras dela, colocouse Catalunya, con 1.379; Canarias con 1.188, e Andalucía con 679. Neste sentido, Madrid confírmase como principal foco de atracción da poboación galega, un fenómeno certificado ao longo de todo o século XXI.

Os profesores Francisco Pérez e Ernest Reig teñen denunciado o papel da urbe española “no proceso de perda de poboación dos territorios do Estado” e “contribuíndo a drenar capital humano da maioría de rexións, ao converterse nun polo de atracción polas oportunidades derivadas da concentración en Madrid de 21% das ocupacións cualificadas de España”.

Os destinos tradicionais

Suíza acolleu 916 galegos e galegas no primeiro semestre de 2021. Precisamente ese país contaba na referida anualidade con 33.440 residentes nados na Galiza, situándose a continuación Francia, con 17.013; seguida de Alemaña, con 14.842; o Reino Unido, con 13.097; Portugal, con 3.648; os Países Baixos, con 3.162; Bélxica con 2.395, e  Andorra con 2.392.

A maioría das e dos emigrantes galegos no primeiro semestre 2021 concentráronse no grupo de idade de 25 a 44 anos. Así, o INE sinala que abandonaron o Estado español, 410 persoas galegas entre 25 e 29 anos, 479 entre 30 e 34 anos, 393 entre 35 e 40 anos e 414 entre 40 e 44 anos. As mesmas tendencias repítense no caso da emigración peninsular, porén, cunha incidencia máis significada no grupo de 20 a 24 anos.

As cifras para o primeiro semestre de 2021 confirman as tendencias das dúas últimas décadas. Os principais destinos da emigración coinciden con aqueles territorios onde os galegos se asentan desde hai máis de medio século. Ao tempo, o fenómeno cébase coa poboación máis nova, até o punto que entre 2010 e o primeiro semestre de 2021 abandonaron Galiza arredor de 77.000 mozos e mozas entre 16 e 29 anos.

Máis emigración

Os últimos números fornecidos polo INE apuntan a un incremento do fenómeno migratorio na Galiza, cunhas cifras para os destinos do Estado español superiores ás de 2017, 2018 e 2019.

330.890 persoas abandonaran Galiza camiño da emigración entre 2010 e 2021. A este respecto, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Isidro Dubert destaca que “a diferenza dos que partiron en 1950-1975 ou en 1860-1930, xa non son labregos que só saber ler e escribir, pois canda menos un de cada dous ten estudos medios ou superiores”. Dubert destaca que “a súa marcha constitúe unha notábel perda demográfica para un país no que as actuais xeracións de xente nova son moi pequenas a causa do impacto combinado das emigracións pasadas, do remate da transición demográfica e da modernización social acaecida tras 1975.