O 33% da mocidade considera "aceptábel" a violencia de control nas relacións de parella

Un estudo do CIS sinala que tres de cada dez persoas entre 15 e 29 anos ve como "inevitábel" o control de horarios ou mesmo "impedir" ver a familia e amizades. 

 

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) fixo pública na terza feira (29 de xaneiro) o estudo sobre a 'Percepción da violencia de xénero na adolescencia e a mocidade'. A instancias da Secretaría de Estado de Asuntos Sociais e Igualdade a investigación advirte dunha maior transixencia entre as faixas de idade cando a violencia machista adquire formas menos visíbeis ou sutís. 

Neste senso, embora o 96% das persoas enquisadas entre os 15 e os 29 anos afirmaren que a violencia física é "inaceptábel" e debe ser punida pola lei a opinión da mocidade muda cando se inquire a respeito da violencia de control. Destarte, a porcentaxe daquelas persoas que a consideran "inaceptábel" redúcese ao 77% mentres que o 33% afirma que fórmulas de control sobre os horarios, os contactos con familiares e amizades ou do que debe ou non facer a parella son "aceptábeis" e mesmo "inevitábeis". 

De acordo coa interpretación do CIS esta transixencia podería partir dunha consideración da violencia no seo das relacións afectivo-sexuais (Daiting violence) que non inclúe estas formas de control por non as percibiren como unha limitación ou restrición da liberdade. 

A percepción da violencia

O estudo publicado desde a Secretaría de Estado de Asuntos sociais e Igualdade traza unha descrición do perfil de "vítimas" e "agresores" en función dos estereotipos que posúe a mocidade. Neste senso, 4 de cada 10 persoas entre os 15 e 29 anos exculpa os maltratadores afirmando que "acostuman ter algunha enfermidade mental". Asemade, o 38% das enquisadas coida que hai máis agresores entre a comunidade estranxeira. 

4 de cada 10 persoas entre os 15 e 29 anos exculpa os maltratadores afirmando que "acostuman ter algunha enfermidade mental"

A respeito das mulleres en situación de violencia o 39% dos homes e o 35% das mulleres entre a mocidade (15 a 29 anos) está de acordo con que "se as mulleres sufren maltrato é porque o consenten". Unha concordancia que se reduce a medida que incrementa a idade da mostra. 

Así as cousas, case o 30% da mocidade (29%) afirma coñecer algún caso de violencia machista. Nomeadamente elas que superan en 10 puntos os homes que recoñecen ter coñecemento dalgún caso. Destarte, a amizade é o vínculo máis habitual no caso das mulleres mentres eles responden maiormente indicando que se trata dunha "veciña". 

Machismo e desigualdade de xénero

O estudo desenvolvido polo CIS comeza cunha descrición aproximada da percepción que posúen as faixas de idade máis novas a respeito das desigualdades e discriminacións por razón de xénero. 

Neste sneso, o 44% dos homes e o 63% das mulleres entre os 15 e os 29 anos detectan esta situación. Doutra banda, apuntan como principais aspectos da mesma as dificultades que atopan as mulleres para conciliaren a súa vida persoal e profesional e as diferenzas salariais. 

Unha de cada cinco mulleres [de todas as idades] cre que as desigualdades se producen en todos os ámbitos agás no acceso á educación, unha porcentaxe que se reduce significativamente entre os homes.