31 de marzo, xornada nacional na Galiza de mobilización en solidariedade con Palestina

Óscar Valadares, Ánxela Gippini e Sami Ashour esta segunda feira, na presentación das mobilizacións. (Foto: Galiza por Palestina)

Haberá concentracións en máis de 34 localidades galegas.

A Coordinadora de Solidariedade Galega con Palestina convoca para a vindeira segunda feira, 31 de marzo, unha ‘Xornada Nacional de Mobilizacións’ en máis de 34 localidades galegas baixo o lema “Galiza con Palestina, contra a ocupación e o xenocidio”.

Así o anunciou esta segunda feira nunha rolda de prensa celebrada no salón Rahid do Hotel Eurostars Araguaney de Compostela (sede da Fundación Araguaney-Puente de Culturas). No acto participaron representantes da Coordinadora de Solidariedade Galega con Palestina, Ánxela Gippini, de Galiza por Palestina; Óscar Valadares, de Mar de Lumes; e Sami Ashour, presidente da Asociación Galaico Árabe Jenin.

Ante a gravidade da situación en Gaza, como a de toda Palestina, "e a impunidade da que gozan os xenocidas", a Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina convoca a Xornada de Mobilización Nacional por Palestina para reivindicar tamén o Día da Terra Palestina, onde se conmemorará o vindeiro domingo, 30 de marzo, a folga xeral de 1976 contra o roubo de territorios palestinos. Nesta data, o pobo palestino denuncia “a limpeza étnica, o roubo de terras e o estado de Apartheid no que vive desde hai décadas, baixo a ocupación do estado sionista”.

Ánxela Gippini explicou que esta xornada, que levan programando desde hai uns meses, organízase “porque os crimes contra Palestina continúan, e a ocupación, o bloqueo e o xenocidio tamén proseguen a pesar da tregua anunciada en Gaza, onde a situación de fame e de falta de asistencia sanitaria é de emerxencia”.

“Lamentabelmente a pasada semana o Estado sionista rachou unilateralmente a tregua, asasinando máis de 500 persoas nunha soa noite. Estes crimes continúan contra tendas de refuxiadas, escolas e contra hospitais. Por todo isto, sabemos que a mobilización debe continuar e facemos esta chamada á poboación. Esta é unha demostración máis da solidariedade do pobo galego co palestino, pero a acción social e política deben continuar e a denuncia non vai cesar tras máis de quince meses de traballo”, apuntou Gippini.

Sami Ashour, pola súa parte, fixo un chamamento desde a comunidade palestina para que a maioría da xente saia a manifestarse o día 31 “contra o horror que está vivindo o noso pobo en Gaza a mans do xenocida Netanyahu e o seu Goberno”.

Sinalou que a situación en Palestina é “tan dramática e catastrófica” que require destas mobilizacións. “Este movemento non vai de política. Cando un pobo está condenado á norte e á aniquilación total, Galiza xa nos acostumou a que haxa unha resposta, é solidaria”, manifestou.

Pola súa parte, Óscar Valadares destacou que nas mobilizacións feitas até o de agora, a parte de denunciar a situación do pobo palestino, tamén se denuncia a hipocrisía e a complicidade da comunidade internacional e a impunidade absoluta coa que opera Israel. “Estamos seguros de que se Estados Unidos e Europa non lle deran esa cobertura a Israel non estariamos ante este xenocidio”, asegurou.