Saúde

3.000 mortes ao ano, 550.000 fumadores diarios na Galiza e outros datos alarmantes sobre o tabaco

Un de cada tres galegos e galegas consome tabaco a diario. (Foto: Nós Diario)
O tabaquismo causa máis mortes que os accidentes de tráfico e o consumo de drogas ilegais xuntos, advirte a Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria, que exixe máis recursos para afrontar unha adicción na que caen cada vez máis mozos e mozas galegas.

Perto de 3.000 persoas morren na Galiza cada ano por mor do tabaquismo. Este é o alarmante dato que ofreceu hoxe a Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria (Sogapar), co gallo da conmemoración, o vindeiro 31 de maio, do Día mundial sen tabaco, e na mesma xornada na que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou a súa intención de instaurar, contra o mes de outubro, un Día galego sen tabaco. A asociación do ámbito sanitario publicou un comunicado no que advirte destas cifras e remarca que a adicción ao tabaco causa máis mortes que os accidentes de tráfico e o consumo de drogas ilegais xuntos.

No conxunto do Estado español, precisan, hai un total de 8,6 millóns de persoas fumadoras, "cifra que se incrementou de forma notábel nos últimos anos, especialmente entre a poboación máis nova". "O tabaquismo é un problema de saúde pública que dana todas as persoas expostas, e que mata a metade das que o consomen. Por iso, é fundamental que se tomen medidas para reducir o consumo de tabaco e protexer a saúde de toda a poboación", defende o coordinador do grupo de traballo de Tabaquismo de Sogapar e neumólogo do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, o doutor Rafael Vázquez Gallardo.

A asociación achega outros datos con base nos seus últimos estudos, que reflicten un consumo diario de tabaco por parte de até 32,7% da poboación galega entre 15 e 64 anos, é dicir, unha de cada tres galegas e galegos desta franxa de idade. Son unhas 550.000 persoas, "cifra que, ademais, se incrementou lixeiramente a respecto do ano anterior".

Con motivo do Día mundial sen tabaco, desde Sogapar alertan das consecuencias do tabaquismo e instan a deixar de fumar á maior brevidade. "O tabaco é a primeira causa evitábel de enfermidade, invalidez e morte, polo que evitar o seu consumo é a actividade sanitaria con mellor relación custo-beneficio que se coñece", sinalan.

A este respecto, Vázquez Gallardo pon o foco na importancia da prevención. "É importante que se fomente a prevención e o abandono do tabaquismo en todos os ámbitos, desde a educación até a atención sanitaria. Débense estabelecer políticas públicas que promovan a prevención do consumo de tabaco e que faciliten o acceso a tratamentos eficaces para o abandono do tabaquismo", incide.

Entre as medidas propostas por Sogapar está aumentar o número de consultas de cesamento tabáquico tanto en atención primaria como en especializada, promover a formación en tabaco do persoal sanitario e garantir a subministración constante de fármacos e o financiamento de todos eles.

Tamén piden instaurar de maneira real as sancións que recolle a lei para os infractores, implantar medidas máis contundentes de acción nos mozos e mozas de entre 10 e 18 anos, difundir os coñecementos que xa se teñen sobre o problema que supón o cigarro electrónico e outras formas de consumo e, finalmente, deseñar campañas dirixidas a toda a sociedade que fagan fincapé no tabaquismo como enfermidade crónica e adictiva.