Xornalismo

300 Venres Negros, "300 razóns para votar a quen te respecte e botar aos que argallan na manipulación sectaria"

Mobilización do persoal da CRTVG en San Marcos, esta sexta feira. (Foto: Defende a Galega)
O persoal da CRTVG alcanzou esta sexta feira a semana número 300 de protestas contra a "manipulación" e a "censura" nos medios públicos.

300 semanas, 2.093 días ou, o que é o mesmo, máis de cinco anos e oito meses é o tempo que leva o persoal da CRTVG mobilizándose incansabelmente —pandemia e eleccións mediante— contra a "manipulación" e a "censura" que, denuncian, aínda impera nos medios públicos da Galiza. "Esperemos que a número 300 sexa a última semana", apuntaban esta sexta feira, aludindo ás eleccións deste domingo, varios traballadores e traballadoras no que foi o 300 Venres Negro consecutivo.

Esta é xa, desde hai tempo, a protesta máis prolongada no tempo da historia de calquera medio público do Estado español, e un caso tamén que se pode considerar insólito en toda Europa. Os 'Venres Negros' de RTVE, que precederon os da CRTVG na primavera de 2018, duraron só 12 semanas.

E a pesar de todo, 300 semanas despois, a TVG e a Radio Galega seguen a reclamar aínda un estatuto profesional e un Consello de Informativos que vele pola imparcialidade, tal e como marca a lei, e a remuda nunha dirección que, 15 anos despois, aínda encabeza Alfonso Sánchez Izquierdo, designado polo primeiro Goberno de Alberto Núñez Feixoo en 2009 e co mandato prorrogado grazas a unha reforma lexislativa que botou por terra a obriga de elixilo por unha maioría cualificada de dous terzos do Parlamento en primeira votación ou de tres quintos na segunda.

"Que noxo ver a CRTVG  que levantamos entre todas convertida en propaganda da Xunta e do PP, pero que orgullo polos 300 Venres Negros de dignidade", apuntaba esta sexta nas súas redes sociais o veterano xornalista Manuel Pampín. "300 razóns máis para votar a quen te respecte, e botar aos que forzan e argallan na manipulación sectaria", engadía o tamén xornalista Xosé Manuel García.

E esta sexta feira, como é habitual, tamén vestiron a camisola negra outros rostros coñecidos da casa como Alfonso Hermida e Tati Moyano, que xa en 2018 renunciaran a presentar os informativos por mor do "control" que se exercía desde arriba. Moyano fora expedientada por unha dirección que esta semana volveu aos xulgados por un presunto delito de acoso laboral contra outros profesionais.