30 mil postais de Nadal ateigarán a caixa do correo do conselleiro de Educación reclamando a paga extra

A redución do 20% nos soldos desde 2010, a penalización das baixas por enfermidade, os ataques ao uso do galego nas aulas e a retirada da paga extra, son algúns dos reproches que aparecen na tarxeta con que traballador@s do ensino público felicitarán estas datas a Jesús Vázquez


Veño sufrindo reiterados desprezos por parte da consellaría que vostede representa: reduciume o salario en máis dun 20%, incrementoume o horario lectivo, penalízame con descontos salariais se enfermo, incrementou as ratios de alumnado por aula, minguou a atención á diversidade, atacou o uso do idioma [...] e nuns días, ademais de manter conxelado o meu salario, vai facer efectiva a eliminación da miña paga de Nadal, o que é o mesmo que desvalorizar o meu traballo, vulnerar os meus dereitos laborais e furtarme o que como traballador/a me corresponde [...] A única felicitación de Nadal que agardo será a que me envíe restituíndome a paga extra que me corresponde

O texto recollido riba destas liñas é un bocado do que figura nas 30 mil tarxetas de Nadal que outr@s tant@s empregad@s públic@s vinculadas ao sector do ensino lle farán chegar nestes días ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, en protesta pola retirada das pagas do mes de decembro ao persoal público. A CIG convida a todo o profesorado a que faga parte do envío masivo desde esta segunda feira, lembrándolle ao titular deste departamento, que ficará no cargo máis unha lexislatura, os descontos que est@s profesionais viron no seu soldo desde 2010.