30% das persoas maiores de 40 anos padecen artrose nalgunha das súas articulacións

A parte máis importante do tratamento da artrose céntrase en fisioterapia e exercicios para potenciar a musculatura. (Foto: Nós Diario)

Expertos prognostican que o uso de Intelixencia Artificial podería mellorar o tratamento desta enfermidade.

Expertos internacionais alertaron de que ao redor de 30% das persoas maiores de 40 anos padecen artrose nalgunha das súas articulacións e recomendan unha "vida saudábel, manter un peso adecuado e practicar exercicio" para previr a enfermidade.

Así o manifestaron na presentación do 'SER-OARSI Symposium 2023', encontro que se celebra esta quinta e sexta feira na cidade da Coruña. Ao acto asistiron o presidente do Comité Científico do simposio, Francisco Blanco; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; o presidente de Osteoarthritis Research Society International (OARSI), Gun-il; o representante da Sociedade Española de Reumatoloxía (SER), José Antonio Pinto; e a coordinadora do comité local de OARSI, Cristina Ruiz.

Blanco destacou que a artrose é unha enfermidade asociada ao envellecemento que "non ten cura de momento" pero "están a traballar niso" e esperan ter resultados nun prazo de "cinco anos". Na actualidade, o obxectivo dos especialistas "é previr e facer diagnósticos temperáns para poder frear a enfermidade".

"A parte máis importante do tratamento da artrose céntrase en fisioterapia e exercicios para potenciar a musculatura, favorecer a hixiene postural e articular e educar ao paciente no coñecemento da enfermidade para que saiba o que ten que facer", explicou. Neste sentido, recomendou levar "unha vida saudábel, manter un peso adecuado e practicar exercicio ou deporte moderado".

Na mesma liña, Pinto sinalou que esta doenza "de primeirísima orde está intimamente relacionada con outros problemas de saúde como son a obesidade". "Se somos capaces de actuar sobre a obesidade tamén seremos capaces de mellorar as artrose nos nosos pacientes", recalcou.

Intelixencia artificial

Pola súa banda, Abalde incidiu en que "a aplicación de distintas tecnoloxías de Intelixencia Artificial e de xestión de grandes datos" na investigación desta patoloxía suporá que os tratamentos sexan "total e absolutamente personalizados de forma que se teña en conta as características xenéticas, metabólicas, fisiolóxicas de cada un dos pacientes".

Neste sentido, o 'SER-OARSI Symposium 2023' congrega estes días na Coruña 27 relatores e relatoras de 11 Estados diferentes e máis dun cento de asistentes. Estes expertos reúnense por primeira vez na Galiza para analizar a situación desta enfermidade e sentar as bases para que a medicina de precisión se utilice na práctica clínica.