30 anos da estrea da serie 'As Bólas Máxicas' na TVG

Unha imaxe da serie As Bólas Máxicas (CRTVG)

As redes sociais lembraron este sábado 8 de febreiro o aniversario da mítica serie xaponesa na nosa televisión

 

A serie xaponesa de animación Dragon Ball, que na súa versión galega pasou a chamarse As Bólas máxicas, celebra este sábado o seu 30º aniversario. Emitiuse por primeira vez no noso país un 8 de febreiro de 1990 cando xa rematara a súa andaina no Xapón que foi de 26 de febreiro de 1986 até 19 de abril de 1989. Obra do creador de manga Akira Toriyama, os primeiros exemplares viron a luz en papel na publicación Weekly Shōnen Jump desde 1984 até 1988.

As Bólas Máxicas relata as aventuras de Son Goku, un forte e inocente rapaz que, despois de encontrarse con Bulma, proponse xuntar as sete bólas do Dragón que teñen a posibilidade de conceder desexos. Nese camiño convértese en alumno do experto en artes marciais, o Mestre Mutenroi. Compite xunto ao seu compañeiro e amigo Krilín nun torneo no que participan as mellores loitadoras e loitadores do mundo para logo emprender unha longa viaxe.

A serie tivo moito éxito e introduciunos, daquela, no mundo da banda deseñada xaponesa no noso propio idioma. Toriyama, procurou inspiración para a súa historia na literatura tradicional xaponesa para logo desenvolver unha historia propia.

Na nosa memoria queda a súa banda sonora. Contaba cun tema de abertura e un de peche. A peza principal é a canción Makafushigi Adventure!, en galego Misteriosa aventura!, interpretada na súa versión orixinal por Hiroki Takahashi e na súa versión galega por Gonzalo Faílde e máis Beatriz García. Cada capítulo pechaba co tema Romantic Ageru Yo, que se podería traducir por Heiche dar romance. Na versión orixinal en xaponés a intérprete era a cantante Ushio Hashimoto e na versión galega a interpretación era de Maika Aguado.