Ás 3 serán as 2

O cambio de hora rescata o debate sobre o fuso horario

reloxios zonas horarios

Transcorrido un ano do intento da Comisión Europea por eliminar o cambio de hora, as diferenzas entre os distintos estados ten paralizada unha iniciativa da que Galiza podería ser unha das principais beneficiadas.

Un ano máis chega a última fin de semana de outubro, e con ela o cambio horario. Consecuencia directa da crise do petróleo de 1973, a razón oficial do cambio horario é o “aforro”. Segundo datos oficiais do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE), ese aforro de enerxía tradúcese en 300 millóns de euros, dos que 90 corresponderían ao consumo doméstico e o resto á industria e outros usos.

Logo dun ano do intento da Comisión Europea por eliminar o cambio de hora, adiado polo menos até 2021 pola falta de entendemento entre os distintos estados membros, parece que Galiza seguirá a ter un desfase de hora á altura da China polo menos durante dous anos máis.

Os expertos non chegan a un acordo sobre a idoneidade do cambio de hora

Que Galiza está fóra do seu fuso horario natural parece non ter discusión, xa que pola súa posición en liña con Irlanda, Portugal ou as Canarias debería rexirse polo GMT -1, isto é, unha hora menos da actual.

Porén, por unha decisión política adoptada por Franco en 1940, Galiza segue o mesmo horario que o conxunto do territorio estatal, pese a non corresponderse coa hora solar.

Xa en 1989 o grupo ecoloxista Biotopo propuña o cambio de fuso horario, pero a proposta tomou dimensión pública en 2006, cando o BNG propuxo adoptar a hora vixente en Portugal.

O membro da Agrupación Astronómica Ío Martin Pawley, sinala que “os que pensan que a hora na Galiza é coherente, deberían asumir entón que o resto do planeta está mal”, e explica que somos “un dos territorios do mundo que ten máis desfase en termos de horario solar e horario civil”: “Erguémonos máis de noite que o resto dos españois e deitámonos máis de día". É por iso polo que defende que “non sería trauma administrativo ningún que Galiza tivese un horario diferente ao do resto do Estado e non suporía ningún problema técnico que non fose doado de resolver”.

Por contra, o físico Jorge Mira, que forma parte da comisión de expertas creada polo Goberno central para abordar unha posíbel reforma horaria, considera “moi pernicioso” falar de “fusos correctos e incorrectos” e aclara que o fuso xeográfico “é unha guía”, ademais de mostrarse “preocupado” polo “custo da transición”. “Se se cambiase hoxe ao fuso canario, en dez anos acabariamos vivindo exactamente igual que agora. Pero neses dez anos teriamos un proceso de desbaraxuste”, conclúe.