Ensino

272 euros, o custo medio da 'volta ao cole'

As familias asumen que o material escolar será este ano máis caro. (Foto: Arxina)
Unha de cada tres familias galegas asume que o desembolso este ano será maior que o de 2021 e botará man de material escolar de segunda man e ofertas e sacrificará "outros gastos ou os caprichos", segundo unha enquisa.

As familias galegas gastarán 272 euros de media na 'volta ao cole', o que supón 25% menos que en 2021, cando a cifra subiu até os 360 euros, segundo o estudo estacional que vén de realizar o Observatorio Cetelem.

Porén, este dato supón un incremento de 20% a respecto ao último ano prepandemia, 2019, cando o gasto quedou en 226 euros. Así, seis de cada dez galegos e galegas que realizarán compras relacionadas co retorno ás aulas apuntan que a inflación afectará, polo que realizarán menos compras e tentarán aproveitar materiais de cursos anteriores ou adquisicións de segunda man.

Segundo o Observatorio Cetelem, unidade de estudos de BNP Paribas Persoal Finance, a maior parte das persoas enquisadas (57%) declara ter intención de gastar o mesmo que o ano pasado.

Un 12% prevé gastar menos —dous puntos menos que o ano anterior—. Pola súa parte, hai un aumento de doce puntos porcentuais, até 31%, entre aquelas que teñen previsto un desembolso maior que en 2021.

As e os consumidores galegos teñen claro que os prezos dos produtos a comprar serán máis elevados. Aínda que existe unha porcentaxe que ten asumido que terá que gastar máis e "sacrificar outros gastos ou caprichos", a maior parte deles asegura que terá que modificar os seus comportamentos de compra a respecto de anos anteriores.

As solucións máis mencionadas polos consumidores para paliar os efectos desta suba da inflación son realizar menos compras aproveitando material de anos anteriores, aproveitar moito máis as ofertas, optar por compras de segunda man ou sacrificar outros gastos para poder facer fronte ás compras.

No que atinxe aos produtos que lideran a demanda neste período, o balance é semellante ao de anos anteriores, co material escolar, os libros e a roupa nos primeiros postos. Descende a compra en todos os produtos agás nos uniformes.