25N: Nélida: Acosada e agredida pola empresa por ser traballadora, nai e sindicalista

O acto nacional da CIG polo 25N, Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres, realizouse esta sexta en Compostela. Unha concentración na estación de autobuses solidarizouse con Nélida Pisco, condutora de autobús que tras varios anos de loita, por defender os seus dereitos como nai e traballadora, segue a ser acosada por parte da empresa e xa foi a xuízo –visto para sentenza- por ter sido mesmo agredida

 

A Secretaría da Muller da central nacionalista entende que a situación de Nélida Pisco é un "caso paradigmático de discriminación laboral por cuestión de xénero". A CIG conta cunha acta da Inspección de Traballo que recoñece o padecemento desta conductora de autobús de todo tipo de discriminacións, de situacións de violencia psicolóxica extrema, de comportamentos hostís, de acoso e mesmo de agresións físicas

E iso, engade, "sen que nin por parte da dirección da empresa, nin da Dirección Xeral de Transportes e Mobilidade da Xunta de Galiza, responsábeis da concesión de licenzas públicas das que desfruta a empresa, teñan avanzado paso algún para pór fin a esta situación".

“Os verdadeiros monstros atópanse fóra dos contos”

A Secretaría da Muller da CIG escolleu este ano como lema da campaña do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres, “Os verdadeiros monstros atópanse fóra dos contos”.

Unha forma de evidenciar, apontan, que os monstros dos contos agóchanse, na vida real, "baixo a faciana do patrón explotador, do xefe acosador, do agresor, do calumniador, do chantaxista, dos que nos castigan por sermos nais traballadoras, dos que pretenden illar ás mulleres, decidir por nós no control dos nosos corpos, lexislar para criminalizarnos, perpetuando a violencia contra as mulleres".