25-N: folla de ruta contra a violencia machista

A loita contra a violencia machista volve ocupar o espazo público (Europa Press).
A Galiza acolle mobilizacións e actos impulsados polo feminismo e outras institucións

O feminismo galego volverá ocupar rúas, prazas e palcos da Galiza este 25-N para denunciar todas as formas de violencia que sofren as mulleres. É unha das data de reivindicación histórica e internacional, unha expresión de forza que gozará de múltiples réplicas por todo o territorio.

Colectivos feministas, institucións públicas e organizacións sindicais promoven este 25-N actos e mobilizacións contra a violencia machista; "a temperanza, a complicidade, a pasividade e a acción directa" da sociedade patriarcal ante casos de abuso ou agresión sexual, acoso no traballo, violencia física, psicolóxica ou institucional e asasinato, salientan desde a Marcha Mundial das Mulleres.

O feminismo marchará a partir das 20 horas en Vigo, Ourense e na Coruña en tres manifestacións que partirán desde Vía Norte, a Subdelegación do Goberno e o Obelisco, respectivamente. Outras 25 localidades súmanse a estas iniciativas con outras tantas concentracións en prazas emblemáticas. A Estrada, As Pontes, Betanzos, Carballo, Carnota, Catoira, Cee, Celanova, Cervo, Chantada, Compostela, Fene, Lalín, Lugo, Melide, Muros, O Porriño, Ordes, Ourense, Pontevedra, Val Miñor, Vilaboa, Vilalba, Vila de Cruces e Vilagarcía acollerán diferentes actos reivindicativos e institucionais.

O concello de Ferrol plantará rosas en memoria das mulleres vítimas da violencia machista. Carballo manterá en sesión de tarde unha proposta lúdica dirixida ás crianzas: a carretilla violeta. Cambados promove unha charla sobre sexismo virtual entre o alumnado de secundaria. Mais tamén haberá espazo para a música, o teatro, os contacontos, a poesía, a autodefensa e as camiñadas. Así, ás 10 da mañá dará comezo a andaina popular en igualdade 'As mulleres de Camariñas: libres e rabudas'.

A axenda deste 25-N inclúe, ademais, os chamamentos e as convocatorias das organizacións sindicais. Desde a Secretaría das Mulleres, a CIG aprema sobre a necesidade de  identificar e combater a violencia contra as mulleres no traballo, "silenciada", sen apenas datos e  ignorada polas institucións. Baixo o lema 'É acoso, é violencia machista no traballo', a CIG convoca ao mediodía concentracións na Coruña, As Pontes, Compostela, Ferrol Lugo, Ourense, Pontevedra, Ribeira Vigo e Vilagarcía.  UXT e CCOO demandan por xunto máis contundencia contra a violencia de xénero e poñen o foco no emprego como vía esencial de combate.

Sentada en Políticas (USC)

As organizacións estudantís URXE! e Xuntxs por Políticas da USC convocan unha sentada diante da facultade en horario de mañá e tarde ás 12 e ás 17 horas coincidindo coa denuncia dunha situación de acoso por parte dun alumno do centro que a universidade está a investigar.

Os colectivos estudantís reclaman que a USC sexa un espazo seguro onde todas e todos "poidamos gozar dunha docencia de calidade e segura", onde as persoas agresoras deixen de gozar de impunidade e onde a seguridade e comodidade de todas as alumnas estea garantida nas aulas.