25-N: Campaña da CIG para “identificar e combater” a violencia no traballo contra as mulleres

Susana Méndez e Nicolasa Castro.

O sindicato centra o 25-N nesta” violencia silenciada, da que apenas hai datos e ignoran as institucións”.

A CIG desenvolverá este ano, arredor do 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia contra as Mulleres, unha campaña centrada na violencia exercida no traballo contra as mulleres baixo o lema “É acoso, é violencia machista no traballo”.

Así o explicou, en rolda de prensa, a secretaria das Mulleres, Nicolasa Castro Monteiro, quen sinalou que no Macroinquérito elaborado en 2019 pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero “non se aborda de forma específica a violencia no traballo” e só se indica que de entre as 9.568 mulleres maiores de 16 anos, 6,6 % sufriron violencia sexual no traballo e que 17,3% identifican o agresor como persoa do entorno laboral.

Para valorar estes datos, Castro Monteiro incidiu na necesidade de ter en conta que “moitas mulleres non identifican co acoso condutas sexistas que poderíamos considerar leves -comentarios, piropos, chistes…- pois nestes casos as afectadas sobrepasarían 50%”.

A estes datos engadiu os extraídos pola Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, que realizou un inquérito a 42.000 mulleres de 28 Estados, das que 55% foron vítimas de acoso sexual ao menos 1 vez desde os 15 anos. Un estudo do que se tira que 32% destes acosos sucederon no contorno laboral e que o 90% das persoas acosadas no traballo son mulleres.

A secretaria das Mulleres da CIG advertiu que as denuncias por acoso son mínimas, xa que o 72% das afectadas non pon en coñecemento da empresa a situación que está padecendo. “A inmensa maioría das traballadoras optan por calar, por medo a non ser cridas, a represalias e mesmo ao despido”.

Castro Monteiro chamou a atención sobre o feito de que no 31% dos Plans de Igualdade rexistrados no BOE entre os anos 2018 e 2019 non se faga referencia ás accións contra o acoso. “Os protocolos só constan no 22% dos plans e só o 14% fan referencia ao acoso sexual ou por razón de sexo. Medidas preventivas só se recollen no 6%”, aseverou.

Convocatorias 25-N

A Secretaría das Mulleres -que tamén fai un chamamento a participar nas convocatorias da Marcha Mundial-  ten previstas para o 25-N asembleas de delegadas e delegados para abordar esta cuestión e convocará mobilizacións en cidades e vilas, ás 12 horas. O obxectivo é visibilizar “unha violencia silenciada, da que non se recollen datos nas estatísticas, nin se fan campañas institucionais para a toma de conciencia social”.

A Coruña: Delegación do Goberno, Praza de Ourense, 11

As Pontes: Praza do Hospital

Compostela: Complexo Administrativo de San Caetano

Ferrol: Edificio da Xunta

Lugo: Subdelegación do Goberno, Rúa Parque San Lázaro, 1

Ourense: Subdelegación do Goberno, Praza de España s/n

Ribeira: Praza do Concello

Vigo: Edificio da Xunta.

Vilagarcía. Servizo Galego de Colocación