228 pediatras en activo superan os 64 anos

Veciñanza de Mondariz en defensa do servizo de pediatría nunha recente manifestación. (Foto: Europa Press).
O servizo de Primaria conta en total con 318 especialistas en atención médica infantil

O envellecemento das facultativas e facultativos de Pediatría no Servizo Galego de Saúde (Sergas) aumenta. Segundo datos recollidos do cadro de persoal do Sergas, 228 pediatras en activo superan os 64 anos. Tres deles contan con 70 anos de idade, 65 son maiores de 65 anos e 160 teñen cumpridos os 65. A maiores, 25% dos facultativos deste servizo atópanse entre 60 e 63 anos de idade, debuxando en conxunto unha panorámica preocupante nesta especialidade .

Unha situación que na Galiza non é nova

A situación non é nova. A alta idade dos facultativos de Pediatría vén sendo denunciada de xeito permanente nos últimos anos por organización sindicais do ámbito da sanidade e polas propias entidades profesionais.

A este respecto, a Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria sinalou en 2020 que perto de 85% dos pediatras en activo tiñan máis de 50 anos, 40% deles máis de 55 anos e 35% superaban os 60 anos. Na mesma liña, a Administración galega recoñeceu a prórroga da xubilación a ducias de profesionais pola ausencia de persoal para cubrir as súas prazas.

318 pediatras en Primaria

A cifra de pediatras non deixou de caer nos últimos anos na Galiza. Segundo a información fornecida polo Instituto Galego de Estatística (IGE), organismo dependente da Xunta, os centros de Atención Primaria da Galiza contaban en 2004 con 405 pediatras, sendo o seu número en 2021, último ano con datos, 318.

Nos últimos 17 anos reduciuse o número de facultativos desta especialidade en 87 profesionais, o que representa unha caída de 22,5%. A este respecto, o voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, sinala a Nós Diario que “é moi complicado coñecer con precisión o número de pediatras adscritos ao Sergas debido á opacidade da Xunta á hora de ofrecer información", mais "estimamos perto de 310 profesionais en Atención Primaria e 150 en Atención Especializada”, indica Martín, o que indica que a metade de pediatras do Sergas ten máis de 64 anos.

Sen servizo

As consecuencias déixanse notar na atención médica ás crianzas. Sen ir máis lonxe, 199 concellos galegos carecen de pediatra, 86 máis que en 2004, sinalando o Goberno galego, que non contan pediatras comarcas enteiras como Viana, Terra de Trives ou Caldelas. A este respecto, a Asociación Española de Pediatría en Atención Primaria (AEPap) significa que “na Galiza hai 7.674 nenos e nenas que non teñen asignado pediatra ou médico de referencia”. Na mesma liña, apunta que no país 12% das prazas de pediatras están cubertas por médicos de familia, unha cifra que na área de Lugo chega a 20% e na da Coruña a 14%. Precisamente, a peor cobertura correspóndese cos espazos rurais e vilegos.

A calidade asistencial

A falla de profesionais repercute  na calidade asistencial. Así, por exemplo na cidade de Lugo, cada pediatra atende 1.083 crianzas; en Vigo atende 1.127  e en Pontevedra 1.293, rexistrándose peores ratios nas áreas non urbanas.

Sen ir máis lonxe, o distrito sanitario da Mariña só dispón de tres facultativos en Atención Primaria para atender aos menores de 15 concellos. As cifras non son mellores no distrito sanitario de Cee, con dous especialistas para a totalidade das localidades da Costa da Morte.

As razóns de fondo

As causas desta situación non son de carácter conxuntural. A pediatra do hospital da Barbanza Marián Rodríguez Blanco, en declaracións a Nós Diario, culpa do acontecido “á falla de planificación. Nós temos un sistema de formación fechado, o sistema MIR, e nun momento pénsase que fan falla menos pediatras porque diminúe o número de crianzas. Porén as necesidades de atención son hoxe máis elevadas  porque naquela altura só cubrían pacientes até os sete anos e ademais as enfermidades crónicas son máis frecuentes entres os nenos porque antes moitos non sobrevivían”.

Planificación

Manuel Martín responsabiliza desta situación “á ausencia dunha planificación por parte do Goberno galego en función das necesidades de futuro”. Neste sentido, considera  “a taxa de reposición imposta polo Goberno do Estado como un lousa pero a Xunta non pode utilizala como escusa para evadir as súas obrigas porque cando Mariano Raxoi estaba no Goberno non fixo nada por derrogala”. Asemade, sinala convencido a este xornal que “o problema non se resolve só con aumentar o número de prazas nas Ofertas Públicas de Emprego, hai que contar coas prazas de formación para residentes”.