2.273.739 galegos vacinados

92,63% da poboación diana ─maiores de 12 anos─ está inmunizada, ou o que é o mesmo: 84,21% dos habitantes do país (Foto: Europa Press)
O número de inxeccións supera ao de vacinas recibidas dado que, segundo explicou Sanidade, os profesionais sanitarios están a sacar máis doses por cada vial que reciben.

Un total de 2.273.739 habitantes de Galiza contan con pauta completa da vacinación contra a Covid-19, tras finalizar o proceso outras 5.969 nas últimas 24 horas. Isto é, 92,63% da poboación diana ─maiores de 12 anos─ está inmunizada, ou o que é o mesmo: 84,21% dos habitantes do país.

Segundo os datos actualizados na mañá deste domingo pola Consellaría de Sanidade no 'Cronómetro de vacinación', administráronse 4.392.539 doses da vacinas contra a Covid-19, 6.695 máis que as rexistradas até o día anterior, que representan máis do 100% das 4.389.629 recibidas até a data.

Isto explícase, segundo sinala Sanidade, debido a que os profesionais sanitarios están a sacar máis doses por cada vial que reciben.

Por grupos de poboación por vulnerabilidade, hai 17.143 cidadáns de alto risco coa pauta completa; 17.602 dependentes non institucionalizados; e 26.967 persoas institucionalizadas. Mentres, 2.067.600 vacináronse por idade.

Por probabilidade de exposición, teñen pauta completa 72.729 profesionais do ámbito sanitario e 27.187 do sociosanitario, ademais de 44.074 traballadores de actividades consideradas esenciais.