Día mundial

2016: o ano do portazo da UE ás persoas refuxiadas

[Imaxe: Sara Creta/MSF]

Sabía que cada minuto oito persoas deixan o seu fogar e as súas pertenzas, déixano todo, para fuxir da guerra, da persecución e do terror? Son as persoas refuxiadas. Hoxe, 20 de xuño, conmemórase o seu día, unha efeméride que debe ser reivindicativa.

2015 bateu unha triste marca en relación ao número de persoas desprazadas e refuxiadas desde a Segunda Guerra Mundial. Segundo os dados das Nacións Unidas, case 60 millóns de persoas -27 millóns crianzas, das que só á metade están escolarizadas- tiveron que deixar os seus fogares para fuxiren da guerra e da violencia. Algunha destas persoas son desprazadas internas dentro do seu propio país. Outras cruzaron as fronteiras e convertéronse en refuxiadas.

Nun día como hoxe é importante lembrar que o dereito de asilo é un dereito humano esencial recoñecido internacionalmente, mais nos últimos meses, coa crise humana das persoas refuxiadas que tratan de pisar solo europeo, vemos como ese dereito é só reflexo do que puido ser e non é. O exemplo máis evidente é o acordo asinado entre a UE e Turquía para deportar persoas refuxiadas.

Acordo UE-Turquía, un precedente perigoso

O acordo asinado entre a UE e o Goberno de Erdogan senta un perigoso precedente para outros países que acollen persoas refuxiadas. “Envía a mensaxe de que atender a quen se viron obrigados a abandonar os seus fogares é opcional e de que o asilo se pode negociar. Se outros países o replican, o concepto refuxiado deixará de existir. As persoas ficarán atrapadas en zonas de guerra sen poder fuxir para salvar a súa vida e a das súas familias, sen outra opción que ficar e morrer”, explica Médicos Sen Fronteiras, unha das organizacións de referencia na crise das refuxiadas.

O Goberno de Kenia colleu a luva do acordo entre a UE e Turquía e citou a política migratoria europea para xustificar a súa decisión de fechar o maior campo de refuxiadas a nivel mundial

O Goberno de Kenia colleu a luva do acordo entre a UE e Turquía e citou a política migratoria europea para xustificar a súa decisión de fechar o maior campo de refuxiadas a nivel mundial, o campo de Dabaab e de enviar estas refuxiadas a Somalia. MSF teme que o acordo provoque que os países veciños de Siria fechen as súas fronteiras. Líbano, segundo dados da ONU,  acolleu xa máis de un millón de persoas sirias, un número tan alto como o total de persoas que chegaron vía marítima á UE en 2015.

2016: un ano fatal

A ACNUR cualifica de ano “particularmente fatal” o 2016 en relación ás travesías de refuxiadas polo Mediterráneo. As últimas cifras fornecidas pola axencia da ONU advirten de máis de 2.500 persoas mortas cando trataban de chegar por mar a Europa, desde o norte de África ou desde Turquía, nos primeiros cinco meses de 2016. No mesmo período de 2015 perdían a vida 1.855 persoas e no mesmo período de 2014, 57.

Cada día pisan chan europeo 700 crianzas, entre denuncias de abusos e desaparicións

A axencia da ONU sinala que de xaneiro a xuño chegaron a Europa por mar 204.000 persoas. E cada día, engade, pisan chan europeo 700 crianzas, entre denuncias de abusos e desaparicións.

Reivindicacións

Neste contexto, as organizacións non gobernamentais lle reclamen á UE, ao igual que cada día, o cumprimento da legalidade internacional; a retirada do acordo con Turquía; acabar coa militarización das fronteiras; abrir vías legais de entrada; garantir a seguridade das persoas; garantir unha acollida digna; apostar nunha política orzamentaria común de apoio á acollida; loitar contra a xenofobia.

O Estado español só se permitiu a acollida de 28 persoas das 16.000 que o Goberno se comprometera a acoller entre 2016 e 2017

Ao Estado español demándaselle axilizar a acollida –até o de agora só se permitiu a acollida de 28 persoas das 16.000 que o Goberno se comprometera a acoller entre 2016 e 2017-; respectar os dereitos na fronteira sur do Estado; reforzar as políticas de integración e incrementar os fondos para axuda humanitaria e para o desenvolvemento.

As desprazadas no mundo

Aínda que a crise das refuxiadas en Europa centrou o foco mediático na UE, existen máis crises de persoas desprazadas que se atopan practicamente no esquecemento. O Consello Noruegués para as Refuxiadas fixo público un informe anual que recolle unha decena de crises humanas que están a pasar desapercibidas. Cita, así, os casos do Sahel, Iemen, Libia, os Rohingya, o Iraq, a República Centroafricana, o Sáhara Occidental, Sudán ou Indonesia.

Segundo os países de orixe, as persoas refuxiadas son –por orde decrecente- proceden na súa maioría de Siria, Afganistán, Somalia, Sudán, Sudán do Sur, a República Democrática do Congo, Birmania, a República Centroafricana, O Iraq e Eritrea.

As cifras, sempre frías, e que soan a baleiro, apelan á empatía. Detrás dos números atópanse neste 20 de xuño de 2016 perto de 60 millóns de nomes e apelidos, 60 millóns de vidas que se enfrontan con enormes dificultades para refaceren as súas vidas após fuxir da violación dos dereitos humanos.