Un país á venda: desde 2013 vendeuse de media unha aldea deshabitada ao mes

Unha aldea no concello de Trabada, na Mariña, está á venda por 160.000 euros. (Foto: Nós Diario)
Na última década vendéronse na Galiza ao redor  de 100 aldeas abandonadas, núcleos noutrora con veciñanza e vida propia e que o proceso de despoboamento e baleirado do rural deixou abandonadas. Persoas estranxeiras e investidoras doutras partes do Estado están entre as principais interesadas no que consideran 'gangas', mais non son as únicas. O número de aldeas abandonadas na Galiza non para de medrar.

En 2013, hai máis dunha década, o reclamo "Véndese aldea galega abandonada a prezo de apartamento" espallouse por Internet, con centos de persoas interesadas de diferentes partes do mundo. En poucas semanas fecháronse dúas transaccións: Pena de Home, en Pacios (A Pontenova), foi adquirida por uns ingleses por algo menos de 100.000 euros; e unha aldea abandonada en Meira (comarca homónima) pola que un noruegués pagou sen titubear os 125.000 euros que lle pedían por sete edificacións.

Desde aquela até agora vendéronse ao redor de 100 aldeas, case unha media de unha ao mes, e isto só na principal das plataformas dedicadas a este tipo de operacións, aldeasabandonadas.com.

A posibilidade de adquirir un destes núcleos nunha contorna privilexiada do rural galego atrae estranxeiros e investidores doutros territorios do Estado, mais tamén emigrantes retornados ou, en moita menor medida, grupos de parellas novas que optan por dar o salto da cidade cara ao rural. Actualmente hai 39 aldeas abandonadas na Galiza, o que representa 33% do total de 119 que se venden no conxunto do Estado español. Unha de cada tres en venda, pois, está en territorio galego.

Os prezos, se ben aumentaron a raíz da pandemia polo pulo a proxectos de vida que pasan por procurar alternativas no rural e lonxe de aglomeracións urbanas, móvense desde os 100.000 euros até máis de dous millóns de euros. "Podes ter unha aldea na Galiza por menos do que custa unha praza de garaxe nalgúns barrios de Madrid", indica a axente inmobiliaria Ana García a Nós Diario. "En Madrid a xente xa non só busca pisos na Mariña ou nas Rías Baixas, a opción de poder comprar unha aldea colle cada vez máis forza, porque a pesar da suba destes anos en prezos, continúa a ser barato para eles".

A Xunta tamén colabora na venda de bens

A venda de aldeas é algo que a propia Xunta da Galiza impulsa, mesmo publicitándoas como emprazamentos óptimos para "segundas residencias". En 2021 activou unha plataforma dixital para informar de núcleos e casas abandonadas que están en venda na Galiza. Só hai inscritas, a 23 de febreiro, cinco (dúas en Sober, en Terra de Lemos, e tres na Peroxa, comarca de Ourense), o que apunta a un poder de convocatoria menor que o das plataformas privadas dedicadas a este negocio.

Mais non só as aldeas están en venda no interior galego. Ademais deses 40 núcleos que figuran nas plataformas especializadas hai tamén pazos e casas señoriais que se poden mercar. Un fenómeno que vai aumento. En 2016 eran 129 os pazos e casas señoriais á venda. A finais de 2023, a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias cifraba 250 pazos, dos case 900 do inventario xeral de patrimonio, os que están dispoñíbeis para a venda.