Unhas 200 persoas cortan a N-540, en Chantada, para reclamar o seu arranxo inmediato
Participan representantes políticos de todos os partidos, que lembran que é a única vía que une as cidades de Lugo e Ourense.
Unhas 200 persoas cortaron na mañá desta sexta feira durante cinco minutos a N-540, á altura de Merlán, en Chantada (comarca homónima), para reclamar ao Goberno español o arranxo inmediato da N-540, única conexión por estrada entre as cidades de Lugo e Ourense.
Aínda que a reclamación é para toda a vía, é esta parte a que está en peores condicións e a que consideran máis urxente, ademais de criticar os "continuos parcheos" que se realizaron nos últimos anos. Esta é a segunda concentración consecutiva que decorre por este motivo.
Tanto o alcalde de Chantada, Manuel Vázquez (PP), como representantes de BNG, Interior Galego Vivo, Democracia Ourensá e PSdeG, participaron nesta concentración, coa que se urxe ao mencionado arranxo debido ao estado no que se atopa a vía.
Acusan os manifestantes falta de mantemento da estrada con tramos "nos que a seguridade viaria non existe".