A Deputación de Pontevedra presenta un plan con 20 millóns de euros para os concellos

O pazo provincial acolleu a presentación do ReacPon. (Foto: Deputación de Pontevedra)
Presentan o ReacPon Concellos, un fondo con 20 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra, centrado en rehabilitacións, obra nova e espazos públicos.

Os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra (todos excepto Vigo e Pontevedra) terán ao seu dispor un fondo de 20 millóns de euros para financiar os seus proxectos no marco do plan ReacPon Concellos, que presentou a Deputación de Pontevedra nesta segunda feira.

Tanto Carmela Silva (PSdeG), presidenta da Deputación, como César Mosquera (BNG), vicepresidente, cualificárono como o “máis ambicioso programa de investimento público da historia da institución”, diante de alcaldes e alcaldesas da provincia, acompañadas das edís municipais que asistiron á presentación do plan.

Silva sinalou que mañá mesmo xa estarán as bases do ReacPon publicadas no boletín oficial da provincia, co cal desde a cuarta feira ábrese o prazo de dous meses para que os concellos poidan presentar os seus proxectos.

Pola súa banda, Mosquera salientou que a entidade é das máis avanzadas á hora de fomentar políticas nos concellos "que van cos tempos actuais e miran ao futuro", tamén puxo en valor a cantidade de recursos postos a disposición directamente das localidades, e o uso de “fórmulas matemáticas” para asignar os fondos.

Neste plan, os municipios poderán financiar obras de rehabilitación, nova construción ou referentes ao espazo público, se o investimento supón como máximo un 90% do Plan Concellos que lle corresponde, ou como mínimo un terzo do mesmo.

As axudas do programa, que foi aprobado no último pleno da institución, serán por “concorrencia competitiva, con criterios obxectivos, equitativos e respectando a autonomía local”, salienta o documento, que marca como obxectivos “garantir dereitos e servizos, loitar contra o despoboamento, impulsar a sustentabilidade, promover a dixitalización na prestación de servizos e a accesibilidade no acceso a equipamentos, espazos e infraestruturas locais no medio rural”.

As obras que entran dentro do ReacPon inclúen no caso de rehabilitacións melloras en instalacións municipais para uso social, cultural, deportivo, turístico ou de lecer. Na nova construción valoraranse os edificios sostíbeis e intelixentes e nos espazos públicos procúrase un uso plural, amábel e fomentar recuperacións, melloras, urbanizacións, e reurbanizacións.