20-F: greve na Xustiza contra a "privatización" e a "politización" que persegue Gallardón

Asociacións de xuízas, xuices e fiscais convocaron para finais de mes o segundo paro que estes profesionais realizarán no Estado español, após o de hai catro anos alertando xa da falta de medios persoais e materiais


As asociacións de xuízas, xuíces e fiscais veñen de convocar greve para o vindeiro 20 de febreiro para denunciar perante a cidadanía que a Administración de xustiza "non conta" cos medios persoais e materiais "imprescindíbeis".

Diante desta situación, denuncian que o Goberno español, e nomeadamente o departamento que dirixe Alberto Ruíz Gallardón, "no canto de mellorar esta paupérrima situación, recorta máis aínda os escasos medios con que contamos".

Para alén de solicitaren a derrogación do 'taxazo' xudicial e de se revolveren contra a privatización dos rexistros civís, a medida de presión foi decidida tamén en protesta pola reforma do Consello xeral do poder xudicial que prepara Gallardón e que, segundo as organizacións convocantes, "afecta ás garantías de independencia do Poder Xudicial" e procura "unha maior politización" daquel.

Da convocatoria xa se desmarcaron os colectivos conservadores Asociación profesional da maxistratura e Asociación de fiscais, que seguirán intentando negociar após varios meses en que o ministro do ramo "non atendeu ningunha das nosas reivindicacións", tal e como denuncian o resto de profesionais. En rolda de imprensa anunciaron, así mesmo, que a greve estará apoiada pol@s avogad@s e persoal funcionario vinculado ao sector.

A segunda greve na Xustiza

A do 20 de febreiro será a segunda greve na Xustiza que se convoca no Estado español, após a realizada hai catro anos, o 18 de febreiro de 2009. Por aquel entón, á fronte do ministerio estaba Mariano Fernández Bermejo (PSOE) e non contou co apoio de todos os colectivos que aglutinan aos profesionais do dereito.

Xa daquela alertaban das deficiencias estruturais do sistema xudicial e da falta de medios elementais, como un sistema informático compatíbel en todas as instancias do Estado.