20 anos após o 'Prestige', a Galiza segue sen poder investigar sinistros marítimos

O 'Blue Star', que varou en Ares en 2019. (Foto: Europa Press)

A Galiza carece dun organismo propio para a investigación de sinistros e accidentes no mar ou mesmo para os 'sentinazos' —verteduras do barco ao mar—. Habelo, haino, a Comisión de investigación de accidentes e incidentes marítimos (CIAM), mais está en Madrid, adscrito ao Ministerio de Transportes.

A Galiza ten 1.720 km de costa, unha frota pesqueira de máis de 4.200 embarcacións, 128 portos e perto de 20.000 traballadores e traballadoras no sector do mar. Mais non ten un órgano propio para a investigación de sinistros marítimos e as competencias en Salvamento Marítimo seguen no Goberno español. A Comisión de investigación de accidentes e incidentes marítimos (CIAM), adscrita ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, é quen se encarga de investigar os accidentes no mar.

"A historia ensínanos que na Galiza debemos de ter nas nosas mans o control e as competencias sobre todo o que afecte as nosas costas", apunta Xaquín Rubido, portavoz da plataforma Nunca Máis, a Nós Diario. "Tamén no que afecta a sinistros e accidentes", apunta.

Rubido lembra que nestas dúas décadas houbo avances importantes en seguridade marítima, "foron conquistas da sociedade galega a través das mobilizacións", mais aínda fica moito por facer. Apunta, así, que da media de 35 buques con mercadorías perigosas que cada día navegan fronte ás costas galegas, 15 "teñen bandeira de conveniencia". É dicir, son barcos de Estados que non cumpren os requisitos en seguridade marítima que se requiren na Unión Europea (UE). Só teñen que cumprir as normativas europeas aqueles barcos que toquen porto da Unión Europe, apunta.

A propia ONU advirte disto, explica Rubido: "No ano en que afundiu o Prestige no transporte marítimo movíanse 400 millóns de toneladas en bandeiras de conveniencia, en 2021 foron 912 millóns". Unha parte importante dese tráfico pasa fronte á Galiza. "Por iso debemos de ter todas as competencias sobre o noso mar e costas", reitera este biólogo arousán. 

A CIAM, creada en 2008, ten recibido máis de 2.500 notificacións de accidentes marítimos e publicou 400 informes das investigacións, moitas delas sobre sinistros de buques galegos en augas galegas, xa que a Galiza non ten un órgano propio neste eido malia contar coas competencias en rías e augas interiores.

A Xunta desbotou no seu día, con Alberto Núñez Feixoo de presidente, que a Galiza tivese un organismo para investigar e prever os sinistros marítimos, argumentando que xa existía o do Goberno español e cabía a posibilidade de que se nomeasen para estar nel representantes das comunidades, se ben esta actuación corresponde ao Executivo estatal.

Desconformidade

Voces do sector do mar, porén,  apostan por ter tamén esas competencias. José Antonio Pérez, da Federación de Confrarías Galegas, considera en conversa con este medio que é bo unha maior "proximidade" na investigación aos sinistros no mar na Galiza. Na mesma liña, Ramón Iglesias, patrón que sobreviviu a un naufraxio ante Fisterra, di que "non ten lóxica que a Galiza careza dun órgano así". 

Ao que Raquel García, bióloga, acrecenta o "paradoxal" de que en cuestións como os 'sentinazos' que sofre a costa galega, "as competencias tamén estean en Madrid, que ten unha costa moi grande", ironiza.