17 persoas son desaloxadas do núcleo de poboación de Abelairas, en Pantón

Operativo contra o incendio de Sober, esta quinta feira 18 de setembro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Trátase da única aldea que permanece desaloxada a causa deste incendio, xa que o resto de veciños e veciñas que foran obrigadas a abandonar as súa vivendas xa puideron volver ás súas casas, segundo informa este sábado o 112 Galiza.

Un total de 17 persoas do núcleo de poboación de Abelairas, en Pantón (Terra de Lemos), tiveron que ser evacuadas durante a pasada noite debido ao avance do incendio, que xa arrasa ao redor de 1.400 hectáreas.

Trátase da única aldea que permanece desaloxada a causa deste incendio, xa que o resto de veciños e veciñas que foran obrigadas a abandonar as súa vivendas xa puideron volver ás súas casas, segundo informa este sábado o 112 Galiza.

Durante a sexta feira, chegáronse a evacuar a 49 persoas en Pantón, nos núcleos de Cibrisqueiros, Frontón, Budián e Souto, e houbo desaloxos das aldeas da Barca e Rosende, no municipio limítrofe de Sober (Terra de Lemos), onde pasou o incendio tras saltar o río Cabe.

Estas medidas estabelecéronse con motivo da declaración da Situación 2 no incendio que comezou no municipio de Sober, o que implica a adopción de medidas especiais para a protección da cidadanía debido á proximidade do lume, unha medida que tamén permanece activa no Bolo (Valdeorras).

Neste sentido, no Bolo, foron desconfinadas as veciñas e os veciños dos núcleos de Lentellais, Santa Cruz e O Bolo, que recibiran a orde de fechamento na tarde desta sexta feira. O incendio que avanza nesta municipio, no que segue activo a Situación 2 de emerxencia, xa calcina 240 hectáreas.

Ferido un bombeiro

Por outra parte, un bombeiro forestal resultou ferido esta sexta feira tras sufrir un mareo e estúdase a súa relación cun posíbel golpe de calor, segundo informa o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE).

Tras o incidente, o efectivo foi trasladado ao Hospital de Ourense. O suceso tivo lugar nun incendio rexistrado na xornada da sexta feira en Xunqueira de Ambía (comarca de Allariz-Maceda), que quedou extinguido no mesmo día.