A construción de edificios protexidos caeu nos últimos cinco anos a mínimos históricos

165 vivendas protexidas edificadas en 5 anos

Obras de construción dunha promoción de vivendas. (Foto: Europa Press)
A Xunta da Galiza só rematou 165 vivendas protexidas entre os anos 2015 e 2019. Mentres o país encabeza a suba do alugueiro a nivel de Estado no último exercicio, o Goberno galego anuncia un novo plan de vivenda para as próximas cinco anualidades.

O prezo do alugueiro está desbocado na Galiza. Segundo os datos que vén de facer públicos o portal inmobiliario Idealista para o último ano, Galiza lidera o incremento da suba dos alugueiros cunha alza de 7,1%, só igualada por Castela e León e superando os encarecementos doutros territorios como Castela-A Mancha con 6%; Estremadura con 5,6% e Cantabria con 5,3%. Noutro extremo, atópanse as Balears, cunha diminución de 9,6% e Madrid e Catalunya, cunha baixada de 5,4%.

O valor medio do metro cadrado en réxime de alugueiro na Galiza é de 7,1 euros, aínda lonxe do máximo histórico de 8,7 euros declarado en maio de 2007. Porén, Lugo e Ourense xa superaron os prezos do período da burbulla inmobiliaria ao longo de 2020, concretamente nos meses de agosto e outubro, e A Coruña aproximouse nesa anualidade aos prezos anteriores ao estoupido da crise de 2008. Neste sentido, a suba dos alugueiros foi constante ao longo de todas as mensualidades, non respondeu a lóxicas estacionais e deuse de maneira equilibrada no conxunto das comarcas galegas.

O prezo da vivenda á alza

A alza dos prezos non se limita ao alugueiro e afecta, tamén, á vivenda en venda. Neste sentido, o informe de Idealista sinalou que nos últimos catro meses de 2020 aumentou en 6,5%, nun contexto de baixada xeneralizada no conxunto do Estado. Malia que os valores dos inmóbeis están aínda moi lonxe dos seus máximos históricos de hai máis dunha década, a media do metro cadrado para a venda tense situado en decembro en 1.350 euros, coas comarcas de Pontevedra á cabeza e coas luguesas á cola, até marcar practicamente 500 euros de diferenza.

A ausencia de políticas públicas de vivenda destinadas a intervir, regular e rebaixar o mercado de prezos explican a situación. A este respecto, a economista e experta en políticas de vivenda Carmen Trilla sinala que a protexida “é un amortecedor social, un instrumento regulador do mercado e corrector das súas deficiencias: incidirá conscientemente na redistribución da renda e tamén na cobertura da súa actividade cíclica” e critica que “o abandono absoluto da política de vivenda, a partir do ano 2011, conduciu a resultados inéditos, que consisten en que a protección oficial deixou de ser factor contracíclico”.

“Foi o instrumento de política de vivenda de maior alcance con que se contou desde a segunda metade do século XX. Dentro das vivendas protexidas existiu un forte compoñente de vivendas destinadas a amplos estratos de clases medias, aínda que tamén se construíu un compoñente máis social, as vivendas protexidas, promovidas directamente polas administracións públicas”, destaca Trilla, quen estabeleceu “unha clara correlación entre o volume da vivenda protexida e o prezo de venda e alugueiro da vivenda libre”. Neste sentido, outro especialista na materia, o urbanista Julio López Rodríguez culpou do “inédito parón na vivenda protexida” a “presión do sector promotor”.

82 vivendas clasificadas como protexidas en 5 anos

A promoción da vivenda protexida na Galiza caeu nos últimos cinco anos a mínimos de toda a serie histórica. Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), entre 2015 e 2019 concedéronse licenzas para 12.734 vivendas na Galiza, das cales só 82 contaron coa clasificación de protexidas. Ao tempo, no mesmo período rematáronse 165 vivendas protexidas dun volume de 8.855, o que representou menos de 2% do total. 

A cualificación dunha vivenda como protexida correspóndelle á Xunta, como Administración con competencias plenas en materia de vivenda, destacando tamén a súa permisividade con aqueles concellos que fixan reservas de vivendas protexida por baixo do mínimo legal estatal. 

A Xunta da Galiza vén de facer público o denominado Pacto Social pola Vivenda 2021-2025 co obxectivo de favorecer a vivenda protexida. O programa, acordado coas organizacións profesionais, as entidades patronais do sector da construción e da promoción e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) prevé un investimento de 433 millóns de euros en cinco anos e aspira a beneficiar 70.000 persoas. Porén, un dos aspectos que formula é aumentar o prezo do módulo da vivenda protexida e favorecer a súa liberalización nun prazo máis reducido que na actualidade, cuestión que tradicionalmente ten provocado a especulación cuns inmóbeis beneficiados na súa construción polas achegas públicas.