1.620 denuncias por violencia machista na Galiza no terceiro trimestre de 2021

A loita contra a violencia machista volve ocupar o espazo público (Europa Press).

Os xulgados galegos rexistraron un total de 1.620 denuncias por violencia machista no terceiro trimestre deste ano, o que supón un 8,3% menos que as 1.767 do mesmo período do ano anterior, segundo datos do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ).

Esta caída en Galiza contrasta co incremento do 5% que se computa a nivel estatal. De feito, sitúase como o segundo territorio coa taxa de violencia machista máis baixa no Estado (11,4 vítimas por cada 10.000 mulleres), só por detrás de Nafarroa (10,7) e por baixo da media estatal (do 18,2).

Das 1.620 denuncias presentadas, a gran maioría (1.325) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima.

Tamén, descendeu o número de mulleres que aparecen como vítimas nun 9,5%, entre o 1 de xullo e o 30 de setembro de 2020 contabilizáronse 1.764, fronte ás 1.597 deste ano nesas datas.

Segundo os datos achegados polo Observatorio, en Galiza descenden un 64% os casos de vítimas que se acollen a non declarar. No terceiro trimestre de 2021 optaron por esta opción 131 mulleres, fronte ás 364 que o fixeron no mesmo período de 2020.

Os distintos órganos xudiciais (xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais) ditaron 478 sentenzas entre xullo e setembro de 2021, unha máis que no terceiro trimestre de 2020. O 81,4% do total dos fallos foron condenatorios.

En 2020 medraron as denuncias, mais o medo ao agresor provoca que só cheguen á vía xudicial 22% dos episodios machistas. Desde 2003 foron asasinadas 65 galegas polas súas parellas ou ex parellas sentimentais. Aliás, unha de cada tres galegas asegura ter sufrido algún tipo de violencia machista ao longo da súa vida.