Abau 2023

12.788 estudantes comezan esta terza feira a ABAU

A ABAU 2023 recupera case totalmente a normalidade previa á Covid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Cantos e cantas estudantes se presentan ás probas? Como é o protocolo dos exames? Cantos traballadores e traballadoras participarán no proceso? Cal é o calendario dos exames? Nós Diario debulla toda a información da Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade que comeza esta terza feira.

Un total de 12.788 estudantes da Galiza están matriculados para participar esta a terza e a quinta feira (6, 7 e 8 de xuño) na convocatoria ordinaria da Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), que este ano elimina medidas propias da pandemia da Covid-19 pero mantén outras, como a maior opcionalidade nos exames.

A gran maioría do alumnado matriculado (arredor de 11.000) farán a parte obrigatoria e a optativa, é dicir, os exames das materias comúns a todo o alumnado e unha da súa modalidade, ademais daquelas coñecidas como 'específicas', que cada aspirante escolle en función da carreira universitaria na que quere entrar. Algo menos de 2.000 farán só a optativa.

Para a selectividade deste ano, hai previstas en total 36 comisións delegadas repartidas por toda a Galiza. O groso do alumnado irá ás principais cidades universitarias: A Coruña e Vigo acollerán a uns 2.800 aspirantes cada unha, e en Compostela farán as probas outros 2.400.

Tamén haberá centros de exame en facultades situadas en Lugo, Ourense e Pontevedra, con entre 1.000 e 1.500 alumnos, aos que se suman outros 800 en Ferrol. Ademais, hai tres comisións periféricas situadas en institutos para evitar longos desprazamentos ata as urbes de referencia: o IES Vilar Ponte de Viveiro, na comarca da Mariña (145 estudantes), o IES Agra de Raíces de Cee, en Fisterra (129) e o IES Cosme López Rodríguez da Rúa, en Valdeorras (123).

Xunto a todas elas, hai unha comisión delegada que a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) habilita en colaboración coa ONCE para todos os e as aspirantes con necesidades especiais de apoio ou con diversidade funcional. Alí terán todo o material e a asistencia que precisan.

Con todo, cada campus conta tamén cunha 'comisión auxiliar' para o alumnado con necesidades especiais de apoio educativo (NEAE), que requiren dunha atención específica. Para eles, o calendario está adaptado de forma que terán até dúas horas para facer cada exame (media hora máis que para o resto).

Mantén o 'modelo Covid'

A ABAU 2023 recupera, a grandes liñas, a normalidade previa á pandemia. Iso si, hai certos protocolos que "chegaron para quedar", tal e como explica o vicepresidente da CiUG, Pedro Armas. Por exemplo, as probas continuarán co modelo instaurado coa Covid-19, cunha maior optatividade de modo que os aspirantes poderán escoller entre varias preguntas.

Tamén hai outras medidas implantadas durante a crise sanitaria que se demostraron eficaces a nivel loxístico. Así, o acceso dos e das estudantes aos centros será ordenado e en filas, manterase a ventilación das aulas e permitirase que o alumnado poida levar as súas mochilas até os seus asentos, en lugar de deixalas todas amontoadas nunha esquina. Con todo, o protocolo mantén (aínda que máis laxos) aspectos preventivos contra a Covid-19, como o illamento e o uso de máscaras daqueles alumnos que presenten síntomas compatibles coa enfermidade.

Armas explica que a CiUG avogou por introducir moi poucos cambios dada a "actual situación política". E é que precisamente esta semana transcendía que o Ministerio de Educación paralizaba o real decreto da nova EBAU, cuxa implantación empezaría o curso que vén, por "responsabilidade" ante a convocatoria de eleccións xerais o próximo 23 de xullo.

"Non sabemos como vai quedar a nova selectividade, así que o mellor é que a xente continúe practicamente igual", reflexiona o vicepresidente da CiUG.

Volven os detectores de frecuencias

Unha das novidades da selectividade deste ano será a volta da detección de frecuencias en "todas as aulas", para 'cazar' aos alumnos que tenten comunicarse co exterior da aula a través dalgún dispositivo. Trátase dunha medida que se suspendeu por mor da pandemia e que volve neste 2023.

O ano pasado, tres alumnos foron expulsados da ABAU na Galiza por empregar a tecnoloxía de maneira fraudulenta nos exames. Na Coruña e Vigo expulsouse a dous mozos con 'smartphones' activos, mentres que outro na cidade olívica usaba o seu reloxo intelixente. A eles hai que sumar un cuarto que foi interceptado en Santiago cun tradicional ‘lembrete’ en papel.

A este respecto, a CiUG advirte que se se detecta que un ou unha estudante copiou durante algunha das probas, procédese a anular toda a ABAU para el. Pedro Armas lembra que, durante o exame, os móbiles deben estar inoperativos, é dicir, "apagados ou en modo avión".

Calendario con pequenas novidades

Os horarios publicados pola CiUG recollen algunha novidade con respecto a convocatorias anteriores da ABAU. Tras unha presentación introdutoria ás 9 horas, os exames arrincarán ás 10 horas co de Historia de España. Igual que todas as restantes, a proba durará hora e media. A mañá do primeiro día completarase con Lingua Castelá e Literatura II, ás 12 horas.

A principal novidade deste ano será na quenda de tarde. En cursos anteriores, as materias comúns a todo o alumnado centraban toda a primeira xornada, pero nesta ocasión decidiuse dividir as materias troncais entre o primeiro e segundo día.

Por tanto, na terza feira pola tarde decorrerán as primeira probas de materias de modalidade, en función da opción de Bacharelato que cursase cada un: ás 16 horas serán os exames de Matemáticas II ou Latín II; e ás 18 horas os de Economía da Empresa ou Deseño.

Na cuarta feira, a ABAU retómase ás 9 horas da mañá con máis materias comúns (antes estas concentrábanse no primeiro día) con Lingua Galega e Literatura II. Seguiralle, ás 11 horas, o exame de Primeira Lingua Estranxeira, a elixir entre inglés, francés, alemán, portugués e italiano. Ás 13 horas serán os exames das optativas Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II e Fundamentos da arte II.

A segunda xornada continuará pola tarde, ás 16.30 horas coa proba de Química ou a de Grego II; e ás 18.30 horas serán as últimas, a elixir entre Debuxo Técnico II, Artes Escénicas ou Segunda Lingua Estranxeira.

O último día, a quinta feira 8 de xuño, está reservado única e exclusivamente para optativas. Empezará co exame de Bioloxía ou Historia da arte ás 9 horas; seguirá co de Física, Xeografía ou Cultura Audiovisual II ás 11 horas; e a ABAU 2023 finalizará coas probas de Xeoloxía ou Historia da Filosofía, que serán ás 13 horas.


Unha semana para coñecer resultados

Unha vez terminados os exames, os e as aspirantes esperarán unha semana, até o 15 ou o 16, para recibir os resultados. Participarán no desenvolvemento desta ABAU entre 800 e 1.000 traballadores e traballadoras de toda clase, entre 'vixiantes', correctores e administrativos, entre outros. O vicepresidente da CiUG estima que haberá uns 80.000 exames a corrixir, polo que é necesario dispor de "moitos profesionais" para que todo "funcione rápido e ben".

Unha vez se coñezan as notas, abrirase un período de catro días, do 16 ao 20, para solicitar revisións. Tras coñecerse a resolución a estas peticións, publicaranse as notas definitivas e empezará a correr o calendario para matricularse na universidade, pero iso será xa en xullo.