12.500 persoas, pendentes de valoración da discapacidade

O atraso nas axudas á dependencia centraron o debate na Cámara. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O tempo medio de demora nas valoracións é de 138 días.

A Xunta da Galiza ten 12.500 expedientes de valoración do grao de discapacidade pendentes de atender. Aliás, o tempo medio de agarda da cidadanía por unha valoración de discapacidade é de 138 días.

Os datos deunos onte o director xeral de Maiores e atención sociosanitaria da Xunta, Antonio Acevedo Prado, a preguntas do BNG na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento galego. Acevedo defendeu o "plan de choque" da Administración galega para "mellorar as listas de espera e a atención ofrecida". O plan "está a funcionar", dixo.

Acevedo explicou que, para reducir os tempos de resposta ás solicitudes, a Xunta estabeleceu en 2018 un plan de acción que se fundamentou "no reforzo de persoal".

Na réplica, a viceportavoz do BNG na Cámara galega, Olalla Rodil, apuntou que en 2021 esperábase cinco meses máis do estabelecido pola lexislación polas valoracións.

"Esas demoras rouban dereitos, mais tamén anos de vida", comentou Rodil. A este respecto, Acevedo asegurou que "nunca podemos estar satisfeitos mentres haxa unha persoa que espera algo. Estamos abertos a calquera oferta de mellora".

Axudas á dependencia

Por parte do grupo socialista, Marina Ortega instou o Goberno galego a que aclare "por que esconde case 10.000 persoas que non figuran nas listas de espera de solicitantes das axudas á dependencia". Ademais, destacou que isto ocorre nun contexto no que as listas de espera "dobran" o permitido pola lei (que marca un máximo de seis meses).

Criticou tamén que a Galiza sexa o territorio que menos inviste por habitante potencialmente dependente de todo o Estado. Ortega achacouno á "desidia" da Xunta da Galiza, que "está a facer moi mal as cousas e que ten responsábeis políticos que non demostran empatía".