'12 meses, 12 invasoras': a campaña para dar a coñecer as especies exóticas que poñen en xaque os ecosistemas galegos

Exemplar de xuncia (Cyperus eragrostis), especie exótica invasora. (Foto: Naoto Shinkai)
Verdegaia impulsará esta iniciativa ao longo de 2023, a comezar este mes de xaneiro pola xuncia.

O inzamento de especies exóticas invasoras constitúe unha das máis grandes ameazas á preservación da biodiversidade, impedindo o desenvolvendo doutras autóctonas e provocando, polo tanto, un desequilibrio nos ecosistemas.

E a situación non ten visos de mellorar, pois estudos recentes sinalan que de aquí ao ano 2050 a súa presenza no continente europeo aumentará en até 64%, converténdoo no "principal destino mundial de plantas e animais invasores".

Ante esta situación, que Verdegaia apón como "consecuencia directa do incesante crecemento de desprazamentos de mercadorías e persoas", a asociación ecoloxista vén de presentar a campaña de sensibilización '12 meses, 12 invasoras', que decorrerá ao longo do presente ano co fin de "visibilizar o problema" que supoñen as especies invasoras.

A xuncia (Cyperus eragrostis) é a protagonista do mes de xaneiro para dar comezo a esta iniciativa. Leva anos "conquistando as marxes dos nosos ríos", sinala Verdegaia, que este domingo, día 29, realizará unha actividade de eliminación da mesma no río Maior de Vilaboa, "un espazo natural moi ben conservado pero que tamén experimenta o azoute das especies exóticas invasoras".

Na maioría dos casos, a xuncia atópase en hábitats alterados, malia que tamén aparece en medios naturais ou seminaturais. É tamén unha invasora en países como Australia ou o Reino Unido. Na Galiza espállase por diferentes tipos de comunidades herbáceas asociadas á alta humidade edáfica, marxes de ríos e pradarías anegadas, costeiras ou non, en sotobosque de ameneirais alterados ou salgueirais.

Nos próximos meses será a quenda doutras especies moi asentadas no territorio galego malia seren exóticas e invasoras como o bambú, a herba da Pampa, a mimosa ou a máis recoñecida de todas pola poboación galega: o eucalipto.

Segundo os datos máis recentes achegados pola Xunta da Galiza, con rexistros de outubro de 2021, no conxunto do país hai un total de 165 especies catalogadas como invasoras, por volta doutras 2.399 que son autóctonas.