12% de estudantes da USC recoñece ter sufrido acoso sexual en internet

Presentación do estudo na Facultade de Ciencias da Educación da USC (Foto: Europa Press).
As investigadoras Patricia Alonso Ruído, Cristina Varela Portela e Iris Estévez Blanco insistiron en que "hai que ter en conta que se fala de violencia e entender os datos desde unha perspectiva humana".

12% das 3.470 persoas que forman parte do estudantado de primeiro e segundo de carreira da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que participaron nunha investigación sobre ciberviolencia, confesou sufrir acoso sexual a través de Internet por parte dun adulto cando era menor de idade e 88% dos mozos recoñece consumir pornografía.

O estudo, cuxos datos son aínda preliminares, foi feito polo grupo de investigación Esculca da facultade de Ciencias da Educación, ten como obxectivo avaliar as novas formas de ciberviolencia sexual derivadas das condutas sexuais en liña no ámbito universitario.

As investigadoras Patricia Alonso Ruído, Cristina Varela Portela e Iris Estévez Blanco insistiron en que "hai que ter en conta que se fala de violencia e entender os datos desde unha perspectiva humana".

Deste modo, sinalaron que a idade media dos estudantes enquisados, dunha poboación universitaria total que supera os 19.000 estudantes, é de 18,3 anos. Ademais, o informe especifica que 30% identifícase como home, 68,8% como mulleres e 1,2% como persoas non binarias.

Os resultados preliminares presentados esta sexta feira indican que 12% dos estudantes foron vítimas de groomig, é dicir, a acción deliberada dun adulto de acosar sexualmente un menor a través dun medio dixital. Ademais, puntualizaron que 80% das vítimas foron mulleres, fronte a 18% de homes e 2% de non binarias.

Consumo de pornografía

Así mesmo, os datos recollidos mostran que 52,6% dos estudantes de primeiro e segundo de carreira consome ou consumiu pornografía e empezou a unha idade media de 14 anos. De forma desagregada, 37% das mulleres recoñeceron na enquisa ver porno, fronte a 88% dos homes e o 64% das persoas non binarias.

Nesta liña, os resultados preliminares subliñan que 60,3% buscou material sexual na internet e 4% recoñece ter algunha páxina sexual gardada en favoritos.

O 'Sexting'

O informe revela que 45% dos estudantes enviaron vídeos ou fotos de carácter sexual e 61% enviou textos eróticos. Así, 7,35% revela ser vítima de presión ou chantaxe antes ou despois de realizar sexting, sendo 87% mulleres.

Estes datos preliminares tamén indican que 3% dos enquisados foron presionados ou obrigados algunha vez pola súa parella afectivo-sexual a tirar fotos ou vídeos durante unha relación sexual. Ademais, 2,4% sinala que unha ex parella ensinou a terceiras persoas ou difundindo vídeos de carácter sexual.