12% da superficie da Galiza sofre unha situación de erosión “moi grave”

Monte afectado polo incendio de Verín. (Foto: Europa Press)

A erosión ‘borra’ 14,5 toneladas de superficie por hectárea na Galiza cada ano.

11,7% da superficie da Galiza sofre unha situación de erosión “moi grave” e 9,4% “grave”. Suman entre ambas as dúas 21%, o que supón aproximadamente 600.000 hectáreas. O nivel de erosión que se rexistra noutros territorios do Estado, como Andalucía ou A Rioxa, os dous máis afectados por este fenómeno, é moi superior: 51% e 56% da superficie, respectivamente— mais os niveis na Galiza tamén son “preocupantes”. De feito, a porcentaxe de erosión na Galiza é superior ao que se rexistra en comunidades como Estremadura (18%) ou Castela e León (11,2%).

A ameaza de desertización está recollida por provincias no Inventario nacional de erosión de solos (INES), e aprécianse notábeis diferenzas. A Coruña e Lugo son as máis afectadas por esta situación, con 26,3% e 26,1% da súa superficie sometida a unha erosión “grave” ou “moi grave”. En Ourense é 14,2% do seu territorio e en Pontevedra, 11,6% o que está nesa situación.

A erosión e desertización non responde a un único motivo ou factor, tampouco no caso da Galiza. Máis alá dos habituais, están entre os factores a ter en conta os incendios forestais, os monocultivos intensivos que empobrecen o terreo, os usos inapropiados, as cortas...., así como o impacto do cambio climático e a alteración do clima, o que se evidencia na Galiza en fenómenos como as secas.

A erosión é o desprazamento da capa superior do solo pola acción da auga ou o vento. E se ben a erosión é un fenómeno natural que, en taxas moderadas, permite a renovación do relevo e creación de novas paisaxes, “a intervención humana fai que o proceso se intensifique”, especifica o plan, e implique derivas prexudiciais para o medio mais tamén en termos sociais e económicos.

Así pois, unha quinta parte do territorio galego sofre erosións “graves” ou moi graves”, cunha perda de solo que é superior ás 41 millóns de toneladas anuais e que mostr

a que a desertización tamén é unha ameaza real para a Galiza. Un problema, ademais, que sobrepasa o impacto ambiental para ter tamén unha consecuencia social e económica. “O solo é un recurso finito e non renovábel. É o soporte onde se desenvolve toda a vida na Terra”, describe o Instituto Xeográfico Nacional.