11.700 positivos por alcolemia, 5.000 sancións por usar o móbil e 71 mortos nas estradas no que vai de ano na Galiza

Accidente de tráfico en Baltar (Foto: Garda Civil de Tráfico).

De xaneiro a novembro houbo 7.000 sancións por non usar o cinto.
 

O delegado do Goberno na Galiza, Pedro Branco, advertiu esta segunda feira sobre as imprudencias nas estradas e sobre os efectos tráxicos que teñen estas condutas no acto de conmemoración do Día Mundial en recordo das vítimas de accidentes de tráfico.

Branco lembrou que Tráfico xa desenvolveu na Galiza desde xaneiro 17 campañas especiais de vixilancia ás que sumarán catro máis antes de fin de ano. Xunto a elas, os máis de 26.600 controis de alcol nos que se fixeron 645.000 probas de alcolemia e 7.200, de drogas; e os perto de 10.000 controis de velocidade.


 
O delegado advertiu sobre tipoloxías de sancións que revelan comportamentos inadmisibles ao volante. Así, chamou a atención sobre as 11.734 denuncias por consumo de alcol e 5.227 denuncias por consumo de drogas durante a condución. Xunto a elas, as 7.030 persoas denunciadas por non facer uso do cinto de seguridade, as 5.000 denuncias por empregar dispositivos móbiles, e as 110.700 denuncias por exceder a velocidade permitida.

Sinalou a obriga contraída coas 71 vítimas rexistradas en accidentes de tráfico na Galiza no que vai de ano, que ascenden a 981 nos últimos dez anos: “Temos unha responsabilidade coas vítimas. Temos un compromiso cos afectados. E temos a firme vontade de actuar para cumprilos”


O delegado presidiu na Coruña o acto en recordo das vítimas da violencia viaria, que se realiza anualmente en todo o mundo o último domingo de novembro. No acto participaron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, quen deu a benvida e cedeu a palabra á xefa provincial de Tráfico da Coruña, Victoria Gomez, e a delegada en Galicia de Stop Accidentes, Jeanne Picard, que leron cadanseu manifesto en conmemoración desta xornada.