Máis de 100 quilómetros de eólicos aliñados obrigan as aves a "grandes cambios de ruta"

A poboación da tartaraña cincenta, Ave do Ano 2023, caeu considerabelmente nos últimos anos. (Foto: José Benítez)
O DOG publica as declaracións de impacto ambiental favorábeis para sete novos proxectos e desfavorábeis para outros oito.

A dirección xeral de Patrimonio Natural da Xunta apunta que o parque eólico Deva, na contorna da Caniza, é o inicio dunha longa aliñación de eólicos que "suman máis de 100 quilómetros" neste territorio, o que provoca "unha barreira que obriga as aves a realizar grandes cambios de ruta".

Estas son algunhas das conclusións que recollen os informes ambientais publicados esta segunda feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) nos que se basea a Xunta, entre outras cuestións, para denegar os novos proxectos denominados Chan do Eixo —entre A Caniza e Covelo— e Suído I —Lalín, Dozón e O Irixo—.

En concreto, o DOG publica a aprobación por parte de Medio Ambiente de sete declaracións ambientais máis de parques eólicos nas catro provincias, así como o rexeitamento doutros oito proxectos.

Estas resolucións forman parte das 140 que debe tramitar a Xunta coa data límite desta terza feira, 24 de xaneiro, fixada polo Goberno español e pola cal os proxectos que non conten con autorización ambiental perderán o permiso de acceso e conexión que concede Rede Eléctrica.

A pasada semana, o Goberno galego informaba de que levaba tramitadas 92 dun total de 140, 66 delas con resultado positivo e 26 negativas. Recentemente, ecoloxistas alertaban de até unha perda de 80% na Galiza no que vai de século XXI de exemplares da elixida como Ave do Ano 2023, a tartaraña cincenta, cuestión da que informara previamente Nós Diario.

Proxectos autorizados e denegados

En concreto, os sete proxectos con autorización ambiental publicada esta segunda feira son: ampliación de Serra do Faro II, entre os municipios de Piñor, Cea, Dozón e Rodeiro; Meirama 76, en Cerceda e A Laracha; Alto da Telleira, na Cañiza e Covelo; Alvite II, en Mazaricos, Negreira e Santa Comba; Serra do Colmo, en Baralla e Becerreá; San Cristovo, en Monterroso e Taboada, e Serra do Furco, en Becerreá.

Aquí, si que autoriza o de Alto da Telleira, que está nesa liña de 100 quilómetros de eólicos. Un proxecto con 35,3 millóns de euros para a instalación de 48 megawatts impulsado por Alto da Telleira SL. Con todo, denégase o de Chan do Eixo, que sería unha "extensión" deste, pois Patrimonio Natural considera que "este efecto sinérxico e acumulado sobre a avifauna e os quirópteros produciría un impacto ambiental crítico sobre o patrimonio natural e a biodiversidade".

Pola súa parte, a Consellaría de Medio Ambiente denega os de Chan do Eixo, na Caniza e Covelo; Laxabranca, en Avión, Beariz e A Lama; Suído I, no Irixo, Dozón e Lalín; Alvite, en Mazaricos, Negreira e Santa Comba; Órrea, en Agolada; Vilacoba, en Lousame; A Picota, en Mazaricos, e Lama de Feás, en Baltar, Os Blancos e Calvos de Randín.

Rexeitamento do alcalde de Vilasantar (PP)

Noutra orde de asuntos, esta mesma segunda feira o alcalde de Vilasantar, o popular Fernando Pérez, transmitiu á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a oposición unánime do Concello ao proxecto do parque eólico Abrente de cara ao futuro estudo do impacto ambiental. Igualmente, numerosos veciños presentaron as súas propias alegacións.

"Non podemos permitir que o avance cara a un sistema de enerxía renovábel condene o mundo rural e Vilasantar quede soterrada baixo a sombra dos eólicos, sobre todo tendo en conta que a nosa economía se basea no sector primario", asegura o rexedor do PP sobre un proxecto que prevé instalar cinco muíños de 250 metros de altura.