Un 10% dos titulares dos abonos gratuítos de tren de media distancia fai un uso fraudulento

Liña A Coruña- Vigo Urzáiz. (Foto: Turismo Rías Baixas).
Este uso irregular afecta a 3% do total de títulos gratuítos expedidos.

Un 10% dos titulares dos abonos gratuítos de media distancia fan un uso irregular dos mesmos, xa que reservan unha praza que logo non utilizan, deixando sen posibilidade de viaxar ao resto de usuarios.

De persistir no seu hábito, a partir da vindeira cuarta feira enfrontaranse a sancións como a retirada do abono, a incautación da fianza ou a suspensión durante un mes de poder adquirir outro abono.

Uso fraudulento

Son algunhas das medidas que vén de anunciar o Goberno estatal e que a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, repasou á súa entrada no Consello Formal de Ministras e Ministros de Transportes da Unión Europea, que ten lugar en Bruxelas, onde precisou que este uso fraudulento só afecta ao 3% do total de abonos gratuítos expedidos, xa que os de proximidade non requiren reserva de asento.

De media distancia, dixo expedíronse uns 640.000 abonos, polo que ao redor de 64.000 persoas, o 10%, estarían a reservar varias prazas para un mesmo traxecto que finalmente non usan. E fano en varios trens para asegurarse varias franxas posíbeis para viaxar.

Por todo isto, o Ministerio decidiu estabelecer un réxime sancionador, principalmente porque ese uso indebido afecta ao resto de viaxeiros que ou ben teñen un abono e úsano de forma correcta ou non teñen un abono e necesitan viaxar pero non poden, porque o asento está reservado, aínda que finalmente ninguén o vaia ocupar.

Réxime sancionador

En concreto, Renfe incautará a fianza de 20 euros e anulará o abono gratuíto aos usuarios que, polo menos en tres ocasiones, non cancelasen cun mínimo de dúas horas de antelación a reserva da praza se finalmente non van viaxar no tren. Aínda que só retirarase o abono da liña na que se detectou un uso irregular, o operador ferroviario non expedirá un novo abono asociado a ese titular para ningunha orixe-destino de media distancia nun prazo de 30 días desde a anulación.

Por outra banda, a ministra puxo en valor o "papel activo" do Estado no Consello de Ministros da UE, no que defende o impulso a novos tramos da rede transeuropea de transporte como o Bilbao-Santander e ao resto de corredores prioritarios para o país como o Atlántico e o Mediterráneo.