Xustiza

Piden 10 anos de prisión para un home que violou unha menor en Lugo após contactala na rede

Sede da Audiencia Provincial de Lugo.
O xuízo decorrerá a vindeira semana, así como outro programado en Pontevedra contra un home que asaltou e agrediu sexualmente unha rapaza en plena rúa.

A Fiscalía solicita 10 anos de prisión para un lucense acusado dun delito de agresión sexual a unha menor á que coñeceu a través dunha aplicación de citas. A Audiencia Provincial de Lugo acollerá os próximos días 25 e 26 de abril o xuízo e determinará a culpabilidade do denunciado, que permanece en prisión provisional desde febreiro de 2022.

Os feitos sucederon, segundo o escrito fiscal, a principios do pasado ano, cando o home contactou coa vítima a través dunha rede social de citas. Intercambiaron fotografías e concertaron un encontro nun lugar público de Lugo, onde o acusado abusou sexualmente dela. Como consecuencia da agresión, a menor tivo que recibir asistencia sanitaria.

Alén da pena de prisión, o Ministerio Público pide para o procesado unha orde de afastamento da menor de 15 anos, unha indemnización de 10.000 euros e a prohibición de realizar traballos relacionados con menores durante 25 anos.

Xuízo a un home por agredir sexualmente unha menor en plena rúa

Tamén a próxima semana, o día 25, a sección 4 da Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá o xuízo contra un home acusado de agredir sexualmente unha menor á que asaltou na rúa. Sucedeu o 25 de xullo de 2021.

O home, segundo recolle o escrito fiscal, abordou a vítima na rúa, inmobilizouna por detrás, tapoulle a boca e realizoulle tocamentos contra a súa vontade, até que o condutor dun coche comezou a pitarlle e fuxiu. A nai da nena puxo a denuncia ao día seguinte.

Por estes feitos, o Ministerio Público pide para el tres anos de prisión, así como unha orde de afastamento da menor durante sete anos e que non poida realizar traballos con menores durante unha década. Tamén reclama unha indemnización de 6.000 euros.