DEBATE

Sindicalistas e feministas analizan o contexto social deste 1º de Maio

Camiñando cara o 1º de Maio
Representantes de CIG, CUT, CNT e da Rede Feminista Galega analizan unha contorna social en que Galiza suma xa 265.600 persoas en situación de desemprego e en que é preciso rachar coa relación entre a reclamación de dereitos sociais e o traballo remunerado. Todo isto coa ollada posta no 1º de Maio

Coa ollada posta no Día do Internacionalismo Proletario, e nos feitos que deron lugar á festa por antonomasia da clase obreira --hai 126 anos, cinco anarquistas foron condenados á morte en Chicago polo 'delito' de reclamar unha xornada laboral de 8 horas, encadrada en facer valer a máxima oito horas para o traballo, oito horas para o sono e oito horas para a casa--, os sindicatos CIG, CNT e CUT comparten mesa coa Rede Feminista Galega e colocan nunha báscula imaxinaria a crise e os dereitos sociais para falar das catro patas da tesourada que puxo en xaque o pouco que quedaba do Estado do Benestar, laboral, sanitaria, educativa e do Código Penal. Desde a Rede engaden unha quinta pata: a reforma de xénero.

"Esta crise non ten nada que ver coa clase traballadora", comeza denunciando Renato Núñez, da CIG, criticando o vínculo estabelecido entre os recortes emprendidos desde a dereita española e a idea de que todas e todos "temos que arrimar o ombreiro", unha idea que vai callando entre os e as obreiras coma unha sorte de síndrome de Estocolmo até o punto de que nunha fábrica de 200 persoas e ante a ameaza de despedimentos evidentes "houbo quen achegou a proposta de recurtar os soldos para axudar á empresa".

Tras agradecer que UGT e Comisiones Obreras refutasen tomar parte no debate --"se non veñen aquí falar coa xente é porque aínda lles queda algo de vergoña"--, Martín Paradelo fala en representación da CNT e salienta que as mal chamadas políticas de reaxuste emprendidas desde o Goberno español supoñen "un ataque directo que pretende acabar co acceso da clase obreira aos dereitos máis básicos". Alén disto, Paradelo entende que do que se trata é de "xogar coa ideoloxía do medo" reformando o Código Penal para amordazar as protestas, pese a que o Estado español posúe uns índices de conflitividade social baixos en relación a gravidade da situación social que se vive, con cinco millóns de persoas en situación de desemprego, desafiuzamentos, exclusión e millóns inxectados á banca.

A oportunidade da crise
Desde a Rede Feminista Galega, Mari Fidalgo lembra aos e ás presentes os anos que as mulleres vimos falando de crise, dunha crise produtiva e reprodutiva que foi zugando aos poucos o valor que se lle concedeu noutrora á economía dos coidados até deixala nun apéndice máis da condición biolóxica de nacer muller.

"Agora si que hai crise! Agora que se ralentizou a acumulación de capital por parte das elites. Iso é prioritario fronte á concesión de dereitos sociais", ironiza Fidalgo. A incorporación das mulleres ao mercado de traballo --"éralles necesaria para aumentar a produción"-- veu acompañada do desmantelamento dos servizos públicos que deben dar resposta a esa necesidade de coidados "e toda esa carga de traballo volve ás mulleres, ás de aquí ou ás que veñen da beira Sur".

En relación co anterior, desde a CUT, Brais González tamén presenta a crise coma unha oportunidade para repensarmos o modelo de vida que queremos. Alén disto, e ao estaren tamén en crise as ferramentas de defensa histórica da clase traballadora, "as centrais sindicais tamén se ven arrastradas á súa identidade inicial". Ao seu entender, o termo 'reaxuste' "non é un eufemismo, senón que dá idea de que son políticas pensadas, non improvisadas", políticas ás que non se lles chama 'reforma laboral' mais que "atacan medularmente as condicións de traballo", coma as adoptadas en relación co aborto, a Lei de Familia de Galiza, as medidas aplicadas aos sectores agrogandeiro e do mar ou a Lei de Estranxeiría, curiosamente denominada 'De dereitos e liberdades'.

A equidade de xénero, á pata coxa
"Esta crise é un ataque ao feminismo, que chega acompañada dunha reacción patriarcal que quere vernos ás mulleres voltarmos á casa". Mari Fidalgo explica que no movemento hai quen considera que ese retorno ao fogar "xa non é posíbel", polo que os recortes se traducirán na consolidación duns nichos laborais que xa están feminizados.

"Eu teño serias dúbidas, porque con facetas coma a crise dos coidados o que vexo é, nin máis nin menos, unha expansión do feixismo. O tema da igualdade é tan insignificante para estes poderes que se limitan a derrubar o conquistado". Un exemplo que agarda a risa indignada das asistentes --mulleres, na súa maioría--: o Ministerio de Igualdade pasou a ser unha Secretaría e finalmente quedou nunha directora xeral a media xornada porque compatibiliza a atención ás mulleres coa prestada a outros colectivos en situación de exclusión social.

Ademais desta crise que agocha unha reforma laboral onde só vemos a punta do iceberg, existe unha "reforma encuberta e moi sutil" do sistema sanitario en medidas coma o re-pago farmacéutico, apunta Brais González --CUT--. Con todo, "a máis preocupante das reformas é a penalización das formas de resposta, reservando para si o monopolio da violencia". "Limítase o dereito á folga, penalízase a desobediencia civil e non poderemos reclamar pola vía xudicial porque a atención xurídica haberá tamén que pagala e previamente reducíronnos xa os salarios. Son moi creativos", ironiza Renato Núñez, da CIG.

Dereitos arrincados
A reforma laboral "non é patrimonio do PP", retoma Núñez desde a CIG, aínda que recoñece que a formación conservadora posúe "o mérito de eliminar a maior cantidade de dereitos no menor tempo posíbel". Voltando a vista atrás, a aquela fábrica en que se reclamaba unha xornada laboral de 8 horas, este sindicalista valora que "estas medidas lévannos a volver pelexar por ese mesmo dereito, e por outros moitos que tiñamos e que nos custou anos conseguir". Dereitos que, tal e como apunta Mari Fidalgo, "non foron concesións, fóronlles arrincados".

Martín Paradelo --CNT-- ten unha explicación para o porqué dos recortes: "a Sanidade non existe para eles, porque teñen as súas clínicas privadas; a Educación tampouco existe, porque teñen as súas universidades privadas onde pagan polos seus títulos e é mellor que as fillas e fillos dos obreiros sexan parv@s; e a xubilación téñena garantida porque nunca van ao paro". Con este pano de fondo, nesta terza feira celébrase o 1º de Maio. Pese ás diferenzas nos matices, hai unha cuestión en que sindicalistas e feministas cadran: "Se nos prohiben facer folga... seguiremos facendo folga!"

Nota: Este artigo foi elaborado a partir dos testemuños recollidos no debate que as catro organizacións citadas manteron no Restaurante Rúa, en Santiago de Compostela.