"Que foi da arbitraxe para todos que o PP nos prometeu antes das eleccións?"

[Imaxe: Maia]

A pregunta lanzouna Vanessa Nieves a través do comunicado que leu, en nome d@s estafad@s coas preferentes e subordinadas, ás portas de Monte Pío, a residencia oficial de Feijóo, blindada polos antidisturbios. A resposta: a arbitraxe chegou a dous de cada dez casos e hai 60.000 familias agardando por unha solución


A Sara quen lle vendeu as participacións preferentes foi a súa propia sobriña, após saber que viña de recibir unha herdanza. A Avelino o director do banco, "que era o meu amigo", pagoulle un café despois de asinar un papeliño conforme "todo canto tiña" ía parar a preferentes. A Cesáreo non lle quedan folgos despois de completar a pé o treito que separa a céntrica Praza de Galiza en Compostela da residencia oficial de Feijóo, en Monte Pío. Olla para o reloxo: "Máis de dúas horas andando", di, sorprendido do que foi quen de aguantar. E Pilar, que na anterior mobilización nacional celebrada na capital galega foi a encargada de ler o manifesto, desta volta mallaba sen tregua co seu bastón nun cartaz coa cara do presidente da Galiza. 

Son bocadiños de catro historias dos milleiros que teñen que contar as por volta de 80.000 afectad@s pola comercialización fraudulenta de participacións preferentes e subordinadas de Novagalicia Banco. Cadaquen ten as súas vivencias propias: desde os 33 anos que Avelino traballou para Citroën aforrando o que agora lle teñen "secuestrado" até a herdanza que lle deixou a Sara unha tía do seu home por coidar dela ou os anos que Cesáreo botou na emigración. Porén, tod@s partillan unha realidade: "fomos estafados", na maioría dos casos, por persoas achegadas ou mesmo por familiares e amizades. 

A multitudinaria manifestación que realizaron este sábado --da cal fixeron parte representantes do BNG (o voceiro nacional, Xavier Vence; o voceiro parlamentar, Francisco Jorquera; o secretario de Organización, Bieito Lobeira; e os responsábeis da formación frontista en Compostela, Rafael Vilar e Rubén Cela) e do PSdG (entre el@s, o secretario de Organización, Pablo García; e o voceiro deste partido no Concello compostelán, Francisco Rey-- arrincou ás 11.30h e rematou pasadas as dúas da tarde nun Monte Pío blindado pola policía: oito furgonetas de antidisturbios aparcadas, outras dúas pechando a mobilización e nas inmediacións carros da policía municipal e unha furgoneta da policía adscrita. "Somos Bárcenas ou que?", preguntaban un grupo de afectad@s namentres a cabeceira do protesto se achegaba ao seu destino. 

"Señor Feijóo: demita e váiase"

Aínda que cobremos, non pagaremos ou Non pararemos até que cobremos foron algunhas das consignas que se berraron antes, durante e despois da leitura do comunicado, leitura á que procedeu Vanessa Nieves, unha d@s seis expuls@s en marzo do Congreso español o día en que se lle deu luz verde ao decreto que confirmaba a quita.

A moza foi interrompita varias veces con berros de Lume! en contra d@s 15 deputad@s eleit@s na Galiza que votaron en Madrid a favor desa norma, a Lei 6/2013. Colocáron@s nun cartaz coas súas fotos e leron un a un os seus nomes e apelidos. Despois de cada nome, berros de "traidores!" e "ladróns!". Especial mención para Antonio Pérez Insua, "dobremente traidor e dobremente ladrón" porque tamén vendeu preferentes. 

"Que foi da arbitraxe para todos que o PP nos prometeu antes das eleccións?", preguntouse Vanessa. A resposta aparece impresa nuns panfletos con información que se repartiron durante a manifestación: a arbitraxe chegou unicamente a dous de cada dez casos, polo que fican por volta de 60.000 familias agardando unha solución. Non son pouc@s @s afectad@s que recoñecen teren votado ao PPdG nas eleccións do 21 de outubro de 2012 porque confiaron na promesa dese café para tod@s. Agora levan as mans á cabeza, maldín a Feijóo e piden unha e outra vez a súa demisión: "se o único que pode facer en Madrid é presumir de barón do PP, demita e váiase".

Queixáronse de que levan desde agosto pedindo unha reunión con el e que aínda non os recibiu. "Debe parecerlle pouco o calado da estafa", ironizou namentres lía o manifesto. Por certo, que o micro puido empregarse grazas á colaboración dun bar do lugar que cedeu o punto de luz cuxa instalación rexeitou o Concello de Compostela nun documento que asina Juan de la Fuente, concelleiro do PP imputado na operación Pokemon. 

As mobilizacións continúan. Na vindeira semana (o día 28) debateranse dúas proposicións do BNG no Parlamento galego e no Congreso, a onde se desprazarán afectad@s para reclamar, en directo, os seus aforros. Tamén se fan seis meses do peche de estafad@s no Concello de Gondomar e prepáranse accións de cara ao 15 de xuño, "cando en Madrid executarán o roubo". Co himno galego rematou máis unha manifestación de centos de persoas, moitas de idade avanzada, que, como dixo Vanessa, "non estamos derrotadas". E, como aviso a navegantes (do PP), a moza acrecentou: "este pobo do que só vos lembrades para vir recadar votos non vai confiar máis en quen defende ladróns".