O goberno español quere prohibir a difusión de imaxes da policía

Momento da detención do xornalista o 29M
No último ano foron moitos os documentos visuais e sonoros que recolleron o uso desmesurado da forza por parte de axentes e antidisturbios, para alén de deixaren ao descuberto o incumprimento da lei por parte daquel@s que non levan visíbel a placa co número de identificación

O goberno español está a cocer a reforma da lei de seguridade cidadá, co obxectivo de prohibir a captación, tratamento ou difusión de imaxes en internet en que se poidan ver ou ouvir axentes da policía "no exercicio das súas funcións". Explicouno esta quinta feira Ignacio Cosidó, director xeral da policía, quen aproveitou para aplaudir tamén a reforma do Código penal.

Entre as novidades que contempla o anteproxecto redactado polo ministerio que encabeza Alberto Ruiz-Gallardón, está a consideración como delito de atentado de calquera comportamento que supoña revolverse contra a policía española, incluídas as ameazas. A resistencia pasiva e a desobediencia cando esta constitúa delito fica penada con privación de liberdade de entre seis meses e un ano. A desobediencia desaparece como falta no CP, mais será sancionada como infracción administrativa na lei de seguridade cidadá. Por derradeiro, castígase a difusión de mensaxes que inciten á alteración da orde pública.

Deter o mensaxeiro: arresto dun xornalista na folga xeral de marzo
Xustamente por usaren a forza de maneira desmesurada estaban imputados os axentes que deteron un xornalista na folga xeral de marzo. O profesional, que segundo os antidisturbios foi arrestado porque se negou a se identificar, asegurou que non lle deron nin tempo a sacar o cartón que o acreditaba como traballador dun medio de comunicación; que foi reducido e esposado uns metros máis lonxe do cordón policial en que lle aseguraban que o levaban a "unha zona de seguridade"; e que lle racharon o equipo de gravación, valorado en 770 euros.

Após un xuízo que esta cuarta quedou visto para sentenza, o xornalista segue a insistir en que a súa detención responde a unha tentativa de que non exixitisen imaxes da resposta policial aos piquetes informativos, e recorda como os policías se queixaban de que lles quitaba "planos curtos", aínda sen teren visualizado o material que tiña gravado.


O chío do SUP que fixo ferver a rede: 'Leña e punto'
Así as cousas, no último ano foron moitas as persoas que tomaron imaxes en que se mostra o recrudecemento da resposta policial, para alén de deixaren ao descuberto o incumprimento da lei por parte de axentes antidisturbios que non levan visíbel a placa co número de identificación.

A actuación d@s antidisturbios na mobilización do 25-S en Madrid foi defendida polo secretario xeral do Sindicato unificado da policía --SUP--, José Manuel Sánchez Fornet, nunha publicación na súa conta persoal de twitter en que valorou que "temos o monopolio do uso lexítimo da violencia e exerceuse ben, non coñezo outro xeito de cargar", acrecentou que "apoiamos que non leven o numeriño" e insistíu en que contra @s manifestantes "leña e punto". Nunha entrevista uns días despois espetou que "xa sei que o goberno o nega, mais si que temos infiltrados".