“O capitalismo está máis preto do inferno, que a Cuba que nós queremos construír”

Luis Morlote, membro da Asemblea Nacional de Cuba
Así sentenciaba a delegación cubana na conferencia desenvolvida onte en Compostela, o futuro da illa neste agreste contexto internacional.

Cunha calor abafante e a sala de reunións da Biblioteca Ánxel Casal ateigada de xente, a Fundación Galiza Sempre, celebrou onte a conferencia Cara onde vai Cuba? Nela, Alberto Betancourt, Mirta Rodríguez e Luís Morlote, achegaron @s asistentes unha outra visión da realidade cubana.

A Biblioteca Municipal Ánxel Casal de Compostela encheuse onte de acento caribeño na conferencia organizada pola Fundación Galiza Sempre. O seu presidente, Xesús Veiga, presentaba á delegación procedente da illa e daba paso a unha análise sobre os elementos que compoñen as novas liñas político – económicas revolucionarias.
Alberto Betancourt, economista cubano e asesor socio – económico do goberno revolucionario debullou polo miúdo o contexto (inter)nacional no que se insire a actualización do modelo económico cubano, facendo énfase nos factores internos e externos que condicionan o decorrer da illa, entre eles, o carácter aberto da economía cubana -gran dependente do comercio exterior; a redución do investimento europeo verbo da crise financeira ou o mantemento, logo de cincuenta anos, do bloqueo económico, comercial e financeiro imposto en 1962 polos EUA.

“Cuba converteuse nun Parlamento popular”

Betancourt explicou con claridade o programa de desenvolvemento económico aprobado en Cuba, salientando as importantes achegas introducidas ao mesmo, como resultado do seu profundo debate nas asembleas e centros de traballo. Así mesmo, apuntaba Betancourt, as novas liñas económicas non constitúen unha aproximación ao sistema capitalista, senón que pretenden “continuar coa construción do socialismo a través da planificación económica e da garantía dos servizos universais”.

Os trazos fundamentais dese novo modelo económico -que se erixe como unha reforma a longo prazo, aséntanse dunha banda, no desenvolvemento do sector agropecuario -cuxa baixa produtividade incrementa as importacións alimentarias da illa; o recoñecemento de novas formas de propiedade -incluídos @s traballador@s por conta propia ou cuentapropistas; a concesión de créditos a particulares; un outro sistema de distribución maiorista, ou a posibilidade de compra – venda de automóbiles e vivendas.

Así mesmo, Luís Morlote, membro da Asemblea Nacional Popular da illa, completou a explicación de Betancourt coa revisión dos principios que alentan devanditas reformas económicas. Poñendo en valor os grandes logros cubanos neste medio século de proceso revolucionario, Morgote denunciaba o silencio mediático que deturpa a visión internacional da “democracia socialista cubana", non obstante, salientou as conquistas sociais conseguidas neste tempo e que sitúan a Cuba nos máis altos chanzos do benestar social mundial. Segundo Morgote, “o concepto de revolución socialista en Cuba ten que ver coa calidade de vida da xente”, mais aclaraba, “non no material senón no espiritual”.

“Estes cinco precisan volver á Patria”

O ton máis emotivo do acto, púxoo Mirta Rodriguez, unha das nais que loitan polo regreso a Cuba dos cinco detidos en Miami. Logo de 14 anos de espera, incumprimentos xudiciais e escasas garantías procesais no xulgamento dos cinco, Mirta mantén intacta a combatividade tan característica do pobo cubano.


Así mesmo, defendeu incansabelmente a campaña mediática internacional como ferramenta de presión na procura dunha revisión das condenas. “Nós fomos castigadas pola gran prensa dos EUA”, apuntaba Mirta, sinalando aos grupos mediáticos estadounidenses como responsábeis de xeraren unha opinión pública desfavorábel ao desenvolvemento dun xuízo xusto para René, Gerardo, Antonio, Ramón e Fernando.

Baixo o lema "Obama, give me five", @s familiares, amig@s e compañeir@s dos cinco de Miami, agardan que a administración demócrata sexa capaz de separar os dereitos procesais do conflito político.