“O ALBA para a oligarquía é coma unha urticaria”

Alberto Betancourt
Sermos Galiza puido entrevistar a Alberto Betancourt, asesor socio – económico do goberno revolucionario de Cuba, aproveitando a súa visita a Galiza. Na nosa pequena conversa,  repasamos con el algúns temas de actualidade.

Cuba mantén a sanidade e ensino públicos malia as dificultades económicas provocadas polo bloqueo estadounidense. Como ven as privatizacións e recortes sociais desenvolvidos en Europa coa escusa da crise económica?

A nós ningunha nos gusta, estamos convencidos de que esa [a crise] é a consecuencia das políticas neoliberais que se desenvolveron en Europa e é o que non queremos facer nós. Nós queremos preservar as conquistas da Revolución e en Cuba non estamos a facer ningún cambio político, coa reforma económica estamos facendo unha actualización do modelo económico cubano.

Os cambios acontecidos en Latinoamérica nos últimos dez anos, coa chegada ao poder de Hugo Chávez, Rafael Correa e Evo Morales, achegan máis o continente ás ideas de Martí e Bolívar?

Como non, moitísimo! Hai que lembrar que Cuba estivo illada da comunidade latinoamericana até finais dos 70 -nos que só houbo relacións con Mexico. A partir da creación do ALBA, hai unha situación totalmente distinta. O ALBA non é unha organización típica de integración económica como pode ser o Mercosur; é unha institución que o que busca é complementariedade, cooperación, que busca o tema social. Asemade, hai que mencionar en particular a creación da CELAC -Comunidade de Estados Latinoamericanos e do Caribe, que abrangue as 33 nacións latinoamericanas e caribeñas e da que, por primeira vez, non está participando ningún terceiro país doutra rexión.

O golpe de estado no Paraguay, procura que ese proceso transformador non calle?

O ALBA para a oligarquía é coma unha urticaria. Xa isto ten o golpe de estado en Honduras, o intento de golpe de estado con Evo Morales, intento de golpe con Correa e agora o do Paraguay. Hai unha declaración do goberno cubano moi forte recpecto a esto, o goberno cubano non recoñece ao goberno do Paraguay e a maior parte dos gobernos latinoamericanos tampouco o recoñeceron.
Agora mesmo hai unha cume do Mercosur e o que está convidado é Lugo.