“As mulleres estamos fartas dun sistema que xera fame, miseria, desemprego, opresión e desarraigo”

Entrevistamos a Margarida Corral Sánchez, Secretaria Confederal de Muller e Mocidade da CIG, quen co gallo do 8 de marzo debulla en profundidade a situación actual das mulleres e mozas traballadoras e os retos que estas enfrontan cara á conquista da igualdade real.


A campaña da CIG co gallo do 8 de marzo leva por lema "fartas". De que están fartas as traballadoras galegas?

Fartas de celebracións hipócritas por parte das mesmas administracións e poderes que recortan os nosos dereitos. Fartas dos protocolos e plans de igualdade en empresas que non son máis ca declaracións de intencións por imperativo legal ou co único obxectivo de acceder a subvencións. Fartas de que a inclusión da perspectiva de xénero na negociación colectiva sexa residual ou mesmo inexistente. E fartas dunha reforma laboral que só supuxo máis paro, máis precariedade e despedimentos máis baratos.

Afirman estar tamén "fartas deste sistema". É posíbel o derrube do patriarcado e a conquista da igualdade dentro do capitalismo?

É preciso pular por outro sistema económico e social novo, xusto e solidario

O capitalismo xera fame, miseria, desemprego, opresión e desarraigo. Por iso é preciso pular por outro sistema económico e social novo, xusto e solidario. E ese cambio de sistema ten que ir parello á loita polo dereito da soberanía das nacións e dos pobos. As galegas precisamos outras institucións políticas, institucións propias desde as que poidamos apostar por outro tipo de medidas pensadas para a cidadanía e non ao servizo de determinados grupos heteropatriarcais, como a oligarquías financeira ou organizacións ultrarelixiosas que son as que controlan as institucións.

A CIG participará nas mobilizacións unitarias para hoxe 8 de marzo. Que importancia ten esta convocatoria?

As afiliadas e delegadas da CIG fuximos e rexeitamos celebracións mercantilistas do día da muller. Non queremos recibir bombóns nin flores, porque non hai nada que celebrar o 8 de marzo. Levamos máis dun século conmemorando esta data, insistindo na raizame proletaria que deu orixe á vindicación do 8 de marzo como Día internacional da muller traballadora, conscientes de que coa forza mobilizadora das mulleres fomos quen de acadar a igualdade formal, e agora é o tempo de loitar pola igualdade real.

Fomos quen de acadar a igualdade formal, e agora é o tempo de loitar pola igualdade real

Nos últimos anos a patronal escudouse na situación de crise, amparándose nun marco lexislativo que serviu para darlles carta branca ás empresas para precarizar as condicións nas que as mulleres desenvolvemos o noso traballo, coa intención de obter máis beneficios nun tempo mellor.
Mais tamén temos que afrontar un profundo recorte de dereitos por parte das institucións, a través de normativas onde asumen que as mulleres somos un colectivo que se debe protexer e dirixir, recuperando a retórica da familia heterosexual e a da maternidade como papel e función vital das mulleres, o que, en definitiva, supón asumir o control da nosa vida sexual.

As mulleres demostramos ao longo deste tempo que non precisamos de figuras paternas, do marido, nin sequera do estado, para acadar a nosa independencia. Pero se botamos unha ollada ao pasado, podemos comprobar que se as mulleres conseguimos o recoñecemento dos nos dereitos logo de séculos de discriminación, foi grazas ao noso activismo e resistencia.

Veñen de entregar o premio 8 de marzo a unha compañeira acosada e mesmo despedida por ser nai e sindicalista. Que alcance ten arestora a discriminación de xénero no mundo do traballo?

Desde o inicio da crise, os datos de desemprego das mulleres parecían equipararse ao dos homes, mais esta situación é debida á que se igualaron pero “por abaixo” coa destrución de postos de traballo en sectores masculinizados. Porén, neste último ano, disparouse moito a destrución de emprego feminino, sendo agora o sector servizos o máis prexudicado.

Xunto a isto, produciuse a desfeita do sector da administración pública, e a perda de emprego que se dá en sanidade, no ensino e nos servizos sociais, xunto coa hostalería e o comercio. Isto non é máis ca o comezo dun empeoramento da situación do emprego das mulleres. Non está aumentando o emprego indefinido, senón que se está destruíndo o emprego temporal. Medra a xornada parcial e aumenta o número de contratos (dos 660.000 contratos rexistrados en Galiza, 320.000 foron de mulleres, unha media de case 3 contratos por muller ao ano).

Ao acollermos de xeito maioritario aos permisos parentais, isto aínda inflúe –negativamente- no desenvolvemento da nosa carreira profesional, a nivel de promoción e tamén salarial. A isto hai que engadir, que as mulleres interrompemos a nosa permanencia no traballo por motivos relacionados coas responsabilidades familiares, o cal supón un estancamento dos ingresos, no caso de que haxa melloras salariais.

Logrouse a equiparación salarial entre mulleres e homes?

Aínda existe unha diferenza significativa na remuneración de homes e mulleres

É innegábel que existe aínda unha diferenza significativa na remuneración de homes e mulleres, e tamén no xeito no que uns e outras participan no mercado de traballo. Seguen a existir sistemas de retribución arbitrarios, individualizados que non son negociados nin identificados no convenio, como é o caso de pluses, primas, complementos, etc) . Tamén permanecen sistemas de promoción arbitrarios, en moitos casos condicionados á dispoñibilidade. E na valoración de tarefas, aínda se da unha tendencia á desvaloración do traballo feminino ou realizado por mulleres.

A estes factores hai que sumarlle un dato alarmante: a pobreza , xa que, xunto co paro, as baixas pensións das mulleres (con ingresos medios que non superan os 556€ fronte aos 873€ dos homes), e os baixos salarios, hai preto de 3700 mulleres que xa non teñen nada, agás a RISGA para sobrevivir. E son as nosas nais e mesmo avoas, as cales, xubiladas ou pensionistas están facéndose cargo de moitas familias que sobreviven grazas ás súas pensións. Estamos ante unha situación límite.

Son as mozas o segmento máis castigado? 

A CIG leva denunciando hai tempo que, alén das alarmantes cifras de desemprego, unha boa parte da mocidade galega carece de cobertura e protección social, por mor da temporalidade e da tipoloxía dos contratos. Carecen de asistencia sanitaria, ou dependen da cobertura dos seus pais e nais, ou teñen que solicitar a tarxeta para persoas sen recursos e moitas non poden seguir estudando porque as taxas cada vez son máis altas e as bolsas de estudo máis cativas.

Están roubando o futuro das mozas e, con el, o futuro de Galiza

A taxa de paro duplicouse nestes anos e pasou dun 10 a un 20% en cinco anos. Un dato que non medra máis por mor da emigración, xa que durante este período marcharon de Galiza 37.500 mulleres de entre 15 e 34 anos, no mellor da idade laboral e reprodutiva. Non van de vacacións, nin en busca de aventura, emigran por necesidade. En conxunto foron 77.000 persoas as que emigraron nesta franxa de idade. Sen esta emigración, a taxa de paro incrementaríase até chegar ao 25%. Estase a facer, asemade, un uso fraudulento de bolsas para encubrir postos de traballo.

Coas precarias condicións salariais, a temporalidade, a imposibilidade para emanciparse e a clamorosa ausencia de políticas dirixidas á mocidade están roubando o futuro das mozas e, con el, están roubando o futuro de Galiza.

Os datos mostrarían, xa que logo, que a igualdade apenas se tería conquistado no plano formal, non si?

Poderíamos dicir que hoxe a igualdade “vende”. Se teñen creado mesmo distintivos en materia de igualdade para as empresas que cumpran con determinados parámetros. Se a igualdade realmente existise non habería que premiala. O que pasa é que hai demasiada hipocresía. Isto é denunciábel. Na campaña da Secretaría da Muller denunciamos estar FARTAS de celebracións e conmemoracións hipócritas. Non queremos festas. Non queremos agasallos. Queremos dereitos. Dicimos na campaña que “somos as netas das avoas que conseguiron a igualdade formal, mais podemos ser as mulleres que logremos a igualdade real”. Niso estamos.

O Partido Popular acometeu desde o poder un ataque sen precedentes aos dereitos das mulleres

Amósanse moi críticas coas políticas do Partido Popular e onte advertiu que non permitirán ningún retroceso nos dereitos conquistados...

E que o Partido Popular acometeu desde o poder un ataque sen precedentes aos dereitos das mulleres, a través de políticas neoliberais, ultraconservadoras, ao servizo da gran banca e de entidades relixiosas. Non imos permitir máis recortes nin retrocesos.

Inda que a invisibilización da loita feminista é xeral, parece que a que se practica desde o campo sindical non existira. A que cré que se debe?

As mulleres somos unha parte fundamental na loita obreira. Estamos acostumadas a ser invisibilizadas no mundo da cultura, da política, do deporte... Isto non significa que aturemos esta situación. Loitamos día a día desde unha dinámica feminista, nacionalista e de clase. Facémolo nas mesas de negociación dos convenios, nas negociacións de planes de igualdade, nos protocolos de prevención de acoso sexual, laboral e por razón de sexo. Cando aceptamos tomar parte activa nas eleccións sindicais. Nos comités de empresa. Mesmo cando nos organizamos como paradas.

As mulleres somos unha parte fundamental na loita obreira

As mulleres da CIG somos conscientes dos pasos que dimos até o de agora, do que levamos conseguido grazas ao noso esforzo. Pero tamén do moito queda por facer. É preciso lembrar que foi posíbel grazas á loita das obreiras que hoxe teñamos dereitos laborais, baixas de maternidade, protección no embarazo. Todo o que temos debémolo á loita das outras mulleres. Debemos continuar co seu legado.