As manifestacións polos dereitos das mulleres chegan aos centros de traballo

CIG-Muller ás portas do Corte Inglés de Vigo
Ducias de mobilizacións convocadas pola CIG-Muller denunciaron nunha xornada de loita nacional as "celebracións e conmemoracións hipócritas" daquelas entidades e administracións que recortan, acotío, os dereitos das mulleres.

 

"Estamos FARTAS!" foi o lema escollido pola Secretaría de Muller da Confederación Intersindical Galega (CIG) co gallo do 8 de marzo. Centos de mulleres mobilizáronse por todo o país para denunciaren a perda de dereitos sociais e laborais e a "hipocrisía" daquelas empresas e administracións que "recurtando os nosos dereitos" celebraron e conmemoraron esta sexta feira o Día Internacional das Mulleres.

Neste senso, vilas e cidades galegas enchéronse de reivindicacións na defensa do traballo digno para o que se elixiron emprazamentos que representaban importantes conflitos laborais como El Corte Inglés de Vigo, o Centro Comercial Odeón en Ferrol ou a Fundación para a Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza en Compostela onde se rexistraron despedimentos, casos de acoso laboral e de represión sindical. 

CIG-Muller lanzou un chamamento a prol da "mobilización e contestación social" diaria evitando que a defensa dos dereitos das mulleres "se cinga a unha data"

"Estamos fartas de empresas que amparándose nunha reforma laboral e nunha lexislación inxusta tentan obter beneficios a costa do lombo das mulleres", aseveraron desde a central sindical. Reducións salariais, aumento da xornada laboral ou empeoramento das condicións de traballo verbo da aplicación da reforma laboral foron algunhas das denuncias escoitadas polas rúas da Galiza esta sexta feira. Berros, que clamaron contra "a mesma opresión" asegurou a secretaria confederal de Mulleres, que a denunciada hai máis dun século cando foi fixada a data do 8 de marzo.

"O sistema capitalista segue abrindo fendas entre as clases sociais, e segue artellando unha división sexual da sociedade e do traballo que nos prexudica tanto como antes” salientou Margarida Corral quen insistiu en que a loita en prol dos dereitos das mulleres "non pode cinguirse exclusivamente a unha data" senón que é preciso continuar adiante coa mobilización e contestación social "de maneira diaria".