"A agricultura intensiva fracasou, a única forma de saír adiante é de maneira ecolóxica"

Anabel é traballadora de Biocoop, unha cooperativa de gandeiría ecolóxica que abrangue máis de trinta explotacións en Galiza. Ademais de venderen carne de vacún e ovino, en Biocoop traballan a prol da recuperación das razas autóctonas galegas e abranguen o 18% dos exemplares de todo o país.

 

Anabel tomou parte da delegación que viaxou a Bruxelas convidada polo BNG para expor as súas inquedanzas perante os representantes das institucións europeas. Ao igual que todas as persoas que sentaron a carón d@s comisari@s e técnicos da UE, Anabel representaba un proxecto colectivo e con futuro, porén --e como en tantas outras ocasións-- a grave situación que atravesan sectores como o lácteo, deixou á marxe outros como o que esta moza nada en Paris representan.

En Sermos Galiza quixemos achegarnos até unha das poucas cooperativas que pulan por un outro modelo de produción en Galiza a través dunha agricultura e gandería extensivas e respectuosas co medio, cos animais e coa alimentación das persoas, desde hai xa máis dunha década. No entanto, Anabel aclara "nós non somos o reflexo da agricultura tradicionalmente desenvolvida en Galiza, mais si cremos que todos deberían aproximarse a nós".

Carne ecolóxica, autóctona e con selo de calidade

Afincada en Ourense, Biocoop é unha cooperativa formada por máis de 30 soci@s de pleno dereito e perto dunha outra trintena de explotacións asociadas que desenvolven a súa actividade para alén das fronteiras galegas. O seu obxectivo, como a propia Anabel asegura "encamíñase cara á produción ecolóxica" mais tamén cara á "recuperación de razas autóctonas en perigo de extinción" como a Vianesa e a Cachena. Aliás, desenvolven un labor de aconsellamento ás explotacións asociadas. Toda a súa produción conta co selo de calidade Agricultura Ecolóxica de Galiza que através do CREAGA "vixía, supervisa e inspecciona a produción" avalando e garantindo a calidade dos seus produtos e o cumprimeto de todas as exixencias que os certifican como ecolóxicos. Neste sentido, toda a produción, transformación e distribución de Biocoop é desenvolvida de maneira ecolóxica "desde o matadoiro até o envasado e envío", apunta, "evitando en todo momento que a carne poida mesturarse coa convencional" polo que desde a súa chegada ao matadoito até a saída cara á superficie de venda desenvolven un arduo labor "para que non se perda a calidade".

"CREGA vixía, supervisa e inspecciona toda a produción garantindo a súa calidade"

Anabel recoñece que "no seu momento" a cooperativa contaba con subvencións que lle permitiron contratar persoal, porén, "nos últimos dous anos as axudas son mínimas". "A título individual os gandeiros reciben axudas da PAC" mais Biocoop finánciase "coas achegas dos socios" e co 2% de beneficio obtido grazas á venda de carne. Así as cousas, a reforma da Politica Agraria Común negociada e discutida desde hai máis dun ano nas institucións comunitarias "vai afectarnos de maneira negativa", asegura Anabel, "malia que nós temos explotacións grandes que superan as 100 hectáreas de superficie traballada". No entanto, asegura que aquelas explotacións "que están máis pendentes do fío" son as dedicadas "á gandeiría asociativa", aquelas que desenvolven a súa actividade en montes en man común, cuxas particularidades non son recoñecidas a nivel europeo, en grande medida por se atoparen tan só en Galiza e Portugal.

"A reforma da PAC vai afectarnos de maneira negativa malia que as nosas explotacións superan as 100 hectáreas"

"Estas explotacións procuran preservar os montes, as razas, a cultura..." apunta Anabel, entrementres amosa a súa incomprensión pola exclusión deste tipo de explotacións da definición de agricultura activa; "ao non ser a súa actividade principal [a da veciñanza] a agricultura porque moitos son electricistas, ou camareiros por che dicir algo", afirma "non cobrarán as axudas da PAC", porén, apura a aclarar que concorda coa necesidade de se definiren "os agricultores activos", mais engade estes deben ser tamén recoñecidos como "conservadores do seu medio". Desde Biocoop, demandan que na reforma da PAC "se manteñan as axudas" para que "todos teñan e a xente nova poida comezar", aliás demandan que se incrementen aquelas destinadas ás "razas autóctonas" á fin de mellorar a inserción destes produtos nun mercado "irrisorio polas súas dificultades", entre as que se atopa o prezo de venda ao público ou os escasos espazos de venda pois asegura "a agricultura ecolóxica é o futuro, é a única maneira de saír adiante" unha vez que, segundo Anabel, "todo o intensivo" se amosou "fracasado".