“Unha selectividade única para todo o Estado non é garantía de igualdade, éo de centralismo”

O presidente da Xunta vén de sumarse ás voces que, desde hai uns meses e ‘in crescendo’, reclaman unha proba de selectividade única para todo o Estado. Unha proposta que, indican desde profesorado e Ampas, ten máis a ver cunha pulsión política uniformadora do Estado que coa educación.

Unha selectividade, agora denominada Abau, única para todo o Estado español non responde a criterios educativos nin é acorde cos ordenamentos de autonomía e autogoberno dos diferentes territorios. É unha proposta que é debedora dun momento político como o que se leva anos cociñando no Estado español, marcado pola pulsión recentralizadora e a volta dun discurso españolista ‘sen complexos’. Así o considera Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino, a primeira forza sindical no ramo da educación pública na Galiza. “O que hai detrás destas propostas non ten nada a ver coa igualdade de oportunidades: é un discurso españolista”.

A selectividade é 40% da nota, o outro 60% é do bacharelato  (Suso Bermello)

O propio presidente da Xunta, Núñez Feixoo, solicitou esta semana unha selectividade única para todo o Estado. “A postura do PPdeG respecto á selectividade é a da centralización“, lembra Bermello, que indica que “sobre a mesa” non hai até o de agora ningunha proposta ou formulación a serio sobre unha Abau única. “O de Feixoo é un novo globo sonda para meter ese tema na axenda, facer un novo campo de batalla para a centralización”, considera.

O secretario nacional de CIG-Ensino nega en conversa con Sermos Galiza os argumentos sobre que unha selectividade única supón maior equidade e igualdade para todo o estudantado. “A selectividade é 40% da nota, o outro 60% é do bacharelato. A non ser que o que queiran sexa xa eliminar as competencias educativas nas comunidades e impoñer en todas os mesmos temas e os mesmos exames únicos xa no bacharelato”. Iso implicaría cargarse a lexislación actual, na que os territorios con lingua de seu teñen até un 45% de currículo propio. Por iso, afirma, “unha selectividade única para todo o Estado non é garantía de igualdade, éo de centralismo”

Un mesmo exame para todos supón laminar toda expresión cultural e propia. A nosa realidade educativa é distinta (Fernando Lacaci)

Fernando Lacaci, vicepresidente da Confederación de Anpas Galegas, considera que con estas propostas o que se quere “é uniformizar e homoxeneizar o Estado” tamén a nivel educativo. E iso, apunta, non é de recibo. “Un mesmo exame para todos supón laminar toda expresión cultural e propia. A nosa realidade educativa é distinta”, indica a Sermos Galiza.

Considera que o exame de selectividade si debe de ter a mesma validez, "independentemente de que se faga aquí, en Alicante ou en Torrelodones" mais iso é algo diferente dunha mesma proba para todo o Estado. "A idea de selectividade única que fai Feixoo creo que é a típica xogada da dereita para ir coándonos os temas que lle interesan".