Sermos271

‘Prestige’: 15 anos despois, o perigo continúa

Imaxe do Prestige a se fundir. Con esta fotografía Xurxo Lobato gañaba o Premio Ortega y Gasset 2003

O 13 de novembro fanse 15 anos desde que encetara a catástrofe do Prestige. O 13 de novembro de 2002 era o primeiro de seis días que rematarían co afundimento do buque o 19 de novembro dese mesmo ano. O ano en que Galiza sufría a maior catástrofe medio ambiental da súa historia. Con motivo do 15 aniversario, Sermos Galiza afonda no número 271 na falta de competencias en seguridade marítima. Eis un extracto.

Ás 15.10 do 13 de novembro de 2002 foi o punto de partida dos días agónicos que precederon o afundimento do Prestige. Nese momento, un forte estrondo deu paso ao escoramento do buque, do que comezaba a saír fuel. Apenas cinco minutos após, solicitábase a axuda dos servizos de resgate. O barco atopábase a unhas 28 millas do cabo Fisterra. A próxima segunda feira, 13 de novembro, comeza o 15 aniversario do desastre do Prestige, un desastre cuxo punto álxido chegou o 19 de novembro de 2002, cando o petroleiro afundiu e provocou a maior catástrofe ecolóxica na historia da Galiza e, con ela, unha inmensa mobilización social e política que desembocou na plataforma Nunca Máis.

 

Quince anos, pois, das declaracións do hoxe presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, que por entón ocupaba a Portavocía do Goberno central, en que dicía: “salen unos pequeños hilitos, hay cuatro, en concreto, los que se han visto, regueros solidificados, con aspecto de plastilina en estiramiento vertical”. Dez días após de comezaren a saír as 67 mil toneladas de fuel tinguiron de negro a costa galega e afectaron as portuguesas e francesas, Rajoy sinalaba que “no es en ningún caso una marea negra, se trata solo de manchas muy localizadas”. Palabras que evidenciaban unha xestión pésima desde Madrid, con decisións erróneas e explicacións esperpénticas por parte dos responsábeis do Partido Popular, a comezar pola decisión adoptada polo Ministerio de Fomento, dirixido entón por Francisco Álvarez Cascos, de afastar o buque o máis posíbel da costa, “que lo lleven al quinto pino!”, ordenara o ministro. O buque descagara perto de 6 mil toneladas ao achegarse á costa, mais botou moita máis cantidade cando, após as ordes do Goberno central, foi afastado da costa para rachar en dous a 260 quilómetros de Galiza.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 271, á venda na loxa e nos quiosques habituais]