#sermos213: a realidade do galego nos concellos e o debate que cambia a campaña
Un novo número do semanario saído do prelo: co gallo do inicio do curso entrevistamos Anxo Louzao (CIG-Ensino), parloamos con Sés do divino e humano, mergullámonos na campaña electoral... Todo isto e máis, xa na nosa loxa.
Está o galego normalizado nos concellos do país? Esta é a pregunta que nos facemos e á que intentamos dar resposta na reportaxe 'O estado de saúde do galego nos concellos'. A decisión do goberno municipal de Vigo de incluír o castelán como lingua das sesións plenarias reabre o debate sobre a defensa do idioma por parte das administracións. Aliás, a presenza do galego en organismos estatais como a Seguridade Social, Facenda ou os xulgados continúa a ser unha excepción, mentres que aumenta a lexislación en favor do castelán.
'A Ribeira Sacra, o polígono industrial de Iberdrola e Fenosa'. Novos megaaproveitamentos hidroeléctricos pairan sobre unha das paisaxes naturais, culturais e humanas máis representativas da Galiza: a Ribeira Sacra. Trátase das centrais de bombeo de GN-Fenosa no Miño (Belesar III e Os Peares III) e no Sil (Edrada-Santo Estevo), así como da de Santa Cristina, de Iberdrola, tamén no Sil. Fóra da Ribeira Sacra, na bacía do Limia, tramítase outro grande aproveitamento (Salas-Cunchas), tamén de GN-Fenosa
A campaña
'O debate mostra as debilidades de Feijóo'. Nas vésperas do debate a cinco da CRTVG, o único non vetado por Feijóo nesta campaña, a dúbida nos ambientes xornalísticos e políticos era se aparecería e como Marcial Dorado no debate. Apareceu, si, invocado por Ana Pontón. “Sempre fun contundente coa corrupción”, dixo Feijóo. Ao non terse defendido da alusión a Dorado, soou a frase falsa. Aí perdeu o debate.
O PP lanza unha ofensiva con todos os seus recursos na procura da maioría absoluta e na conquista de todo o eleitorado da direita, sen dar opción a Cs. Aos ollos de Monte Pío, Rajoy non é un lastro para o partido. 'Feijóo nas cidades e Rajoy nas vilas'.
En 'O mundo non espera por nós' Xulio Ríos, director do Igadi, reivindica a importancia da acción exterior de Galiza cara ás eleccións do 25S. “Gobernar Galicia, ben sexa desde o local ou o autonómico, sen pensar no mundo só demostra que vivimos fóra da época, con parámetros doutro tempo. Esa fronteira na comprensión empobrécenos e réstanos posibilidades”.
'Bolivia: reaxuste das alianzas?' A reforma da Lei de Cooperativas provocou unha vaga de protestos no sector da minaría, nos que se entrecruzan os intereses da dereita opositora. A minaría é unha rama de actividade de grande importancia en Bolivia, representando o 6,24% do PIB e atinxindo 140.000 empregos.
Máis globalización
China aposta durante a cimeira de Hangzhou en profundar na mundialización da economía, mais coa pretensión de “civilizar” o capitalismo. O encontro das principais potencias mundiais estivo envolvido polas negativas previsións do FMI para a economía global, que fica inda lonxe de superar a crise iniciada en 2008. A cimeira saldouse sen acordos concretos relevantes e volveu servir de escenificación da pugna xeoestratéxica. 'Camiño de máis globalización?'.
O salario medio dos galegos medrou nestes meses catro veces menos que o español. E iso após un lustro no que o soldo dos asalariados da Galiza caeu máis que no Estado. Algo que afecta a case todos os sectores de actividade, en maior ou menor medida. 'Traballar moito, cobrar pouco'. En Análise achegámonos ás rémoras do medre económico e os seus riscos.
“Hai que vivir e sobrevivir”
Entrevistamos Sés, que está a piques de presentar o seu novo álbum de estudio, un disco no cal poderemos escoitar xéneros novos e músicas populares acompañadas de letras persoais, eclécticas e sinceras. “As letras son eu. Son viscerais, transparentes e sen preconceitos. Odio os preconceitos e as vergoñas”.
Carlos Negro debulla para Sermos Galiza 'Masculino singular', a súa obra máis recente. E en 'andar e ver' imos do Rexo (Allariz) a Xunqueira de Ambía, con varias posibilidades para coñecer unha ruta de beleza singular.
Felipe Senén proponos unha historia na que afondar, o ouro galaico. Unha das distincións deste estremeiro Oeste do Vello Mundo é a historia do seu ouro, a da minería e da súa delicada metalurxia. Abondan as fontes arqueolóxicas, as literarias, os mitos de buscatesouros, as etnográficas e mesmo a tradición dos ourives, e máis aínda será pola banda bracarense. Pese a tanta carcasa de “casas”, “cidades” e baleiros aparatos apelidados “de cultura” non se espalla, como merece, tan escintilante singularidade.
E na contra-capa, as dornas homenaxean Rosalía de Castro e no selfie-entrevista, Asier Basurto, un dos responsábeis do proxecto Tosta 2016, que estes días estivo por Galiza.
Ademáis, netse número temos as opinións de María Pilar García Negro e de Xavier Queipo. Alberte Ansede, en 'As lúas de outono', volve percorrer para nós a obra de Manuel María. Na crítica literaria Mario Regueira debulla o poemario 'Corazón e demais tripas', de Emma Pedreira. Andrés Castro achégase a 'Espías desde o ceo' (Eye in the Sky), de Gavin Hood. Na súa sección 'Botar un ollo' Pepe Barro fala do «Cadrado branco sobre fondo branco», a pintura coa que Malevich acada o cenit do Suprematismo, como denomina o ruso a súa busca pictórica do esencial.