#sermos190: a grande pelotada dos campos de fútbol
Máis un número do semanario na rúa coas instalacións deportivas construídas por Rafael Louzán (PP) desde a Deputación de Pontevedra como tema central. Á venda xa na nosa loxa.
Esta semana o Sermos Galiza sae do prelo coa ollada posta na grande pelotada dos campos de fútbol impulsada polo ex-presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán (PP) arredor das obras e infraestruturas deportivas construídas durante os últimos anos. O paradigma da relación entre a política e o fútbol que beneficiou empresas como Covsa, receptoras de ducias de adxudicacións. Un modelo, o de Louzán, que está a ser investigado por presuntos casos de corrupción.
Asemade, falamos da situación que atinxe as mulleres en prostitución ou vítimas de trata na Galiza. No noso país esta é unha forma de violencia de xénero de acordo coa Lei de prevención e tratamento integral aprobada en 2007. Porén, as mulleres, na súa maior parte migrantes, fican excluídas do sistema pública e sen alternativas.
Aliás, analizamos o futuro de Feijóo após anunciar que recuncará, por terceira vez, como candidato á Xunta e o do PSdeG, á beira dunhas eleccións primarias para escoller a súa Secretaría Xeral logo da saída de Besteiro.
Na sección de Economía repasamos a política de Feijóo após sete anos ao mando da Xunta. Un período no que Galiza sufriu economicamente unha devastación, algo que non explica só o impacto da crise mundial. O naval, a demografía, o sector eólico, a desaparición das entidades financeiras galegas ou a crise que atinxe ao sector primario son algúns dos eixos da análise.
En Cultura damos a coñecer o heroe galego de ficción que foi best-seller en toda Europa no século XV. O nobre Ponto, rei da Galiza e da Bretaña. Revisitamos a Orwell na crítica de cinema con Lagosta / The Lobster.
Tamén viaxamos ao Pozo de Fumes na comarca do Ribeiro da man do colectivo Xea e fechamos coa Selfie-entrevista de Manolo Gago.
Todo isto e moito máis no número 190 á venda xa na nosa loxa e a partir da quinta feira nos puntos de venda habituais.