#sermos190: a grande pelotada dos campos de fútbol

Máis un número do semanario na rúa coas instalacións deportivas construídas por Rafael Louzán (PP) desde a Deputación de Pontevedra como tema central. Á venda xa na nosa loxa. 

Esta semana o Sermos Galiza sae do prelo coa ollada posta na grande pelotada dos campos de fútbol impulsada polo ex-presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán (PP) arredor das obras e infraestruturas deportivas construídas durante os últimos anos. O paradigma da relación entre a política e o fútbol que beneficiou empresas como Covsa, receptoras de ducias de adxudicacións. Un modelo, o de Louzán, que está a ser investigado por presuntos casos de corrupción.

Asemade, falamos da situación que atinxe as mulleres en prostitución ou vítimas de trata na Galiza. No noso país esta é unha forma de violencia de xénero de acordo coa Lei de prevención e tratamento integral aprobada en 2007. Porén, as mulleres, na súa maior parte migrantes, fican excluídas do sistema pública e sen alternativas. 

SG190Nas páxinas de Política conversamos co alcalde de Lalín, Rafael Cuíña (Compromiso por Galicia). Con el valoramos o contexto político-electoral actual, o futuro do nacionalismo e as posibilidades de derrotar o PP nos próximos comicios. 

Aliás, analizamos o futuro de Feijóo após anunciar que recuncará, por terceira vez, como candidato á Xunta e o do PSdeG, á beira dunhas eleccións primarias para escoller a súa Secretaría Xeral logo da saída de Besteiro. 

Na sección de Economía repasamos a política de Feijóo após sete anos ao mando da Xunta. Un período no que Galiza sufriu economicamente unha devastación, algo que non explica só o impacto da crise mundial. O naval, a demografía, o sector eólico, a desaparición das entidades financeiras galegas ou a crise que atinxe ao sector primario son algúns dos eixos da análise. 

En Cultura damos a coñecer o heroe galego de ficción que foi best-seller en toda Europa no século XV. O nobre Ponto, rei da Galiza e da Bretaña. Revisitamos a Orwell na crítica de cinema con Lagosta / The Lobster. 

Tamén viaxamos ao Pozo de Fumes na comarca do Ribeiro da man do colectivo Xea e fechamos coa Selfie-entrevista de Manolo Gago

Todo isto e moito máis no número 190 á venda xa na nosa loxa e a partir da quinta feira nos puntos de venda habituais. 

Máis en Só en papel
Comentarios