O SEMANARIO, CO DESEñO DE PEPE BARRO, SAE AOS QUIOSQUES O 4 DE FEBREIRO

Sermos Galiza muda de pel

A Redacción de Sermos, traballando con Pepe Barro

O 4 de febreiro Sermos Galiza volve aos quiosques do país con novo deseño, obra de Pepe Barro, un dos nomes máis prestixiosos do grafismo da Galiza.

No cuarto ano da súa existencia, Sermos muda de pel para exhibir unha imaxe máis innovadora, cuxa característica principal é a cor, pois todas as páxinas do semanario se apresentarán con todos os seus matices de colorido. A mudanza de pel do periódico vai alén da cuestión gráfica, xa que se implementarán quer melloras na calidade do papel, dunha gramaxe superior á actual, quer na impresión. Ademais, a nivel xornalístico, ofreceremos contidos de máis profundidade, análise e investigación e contaremos con novas sinaturas que alargan o abano de colaboradores e colaboradoras habituais.

Unha das principais características do novo deseño, amais do uso da cor, cuxas formas principais son o negro, seguido do vermello e do azul, é a tipografía

Unha das principais características do novo deseño, amais do uso da cor, cuxas formas principais son o negro, seguido do vermello e do azul, é a tipografía. A iniciativa de Pepe Barro, Sermos Galiza empregará un tipo deseñado por Marcos Dopico, doutor en Tipografía e profesor da Universidade de Vigo, quen na súa tese estudou a evolución dos tipos de letra chamados de pau, sen remates, que son os tipos da contemporaneidade, como o MáisGrotesk cos que se escribirá o meirande número de páxinas do novo semanario. Este tipo conta con cinco pesos con cadansúa cursiva e a súa atención aos detalles máis minúsculos fornece a letra dunha calidez que non se atopa noutros paus secos, tal e como advirte o deseñador do novo Sermos. O tipo Georgia de Matthew Carter achégalle variedade ao papel e desenvolve todo o segundo corpo da publicación.

O novo Sermos contará con dous corpos diferenciados. No primeiro deles, incorporarase a información xeral -tema de primeira, opinión, sociedade, política, internacional e economía- amais do A Fondo, o caderno monográfico que recollemos en cada número. O segundo corpo é o dedicado á sección que estreamos, denominada Fóra de Serie. Dedicarémoslles as oito páxinas desta nova sección, cuxo deseño é máis efervescente, a unha variedade de temáticas que abranguen desde a literatura, á música, pasando polo teatro, o cinema, a pintura, o patrimonio, a historia, a banda deseñada, a moda, o deseño, fotografía, gastronomía, lecer ou innovación, entre outras. Para estas páxinas, contaremos con novas sinaturas, como a de Xurxo Souto; que escribirá sobre música, Felipe Senén, sobre patrimonio; de Olaia Ledo, sobre cinema; Manuel Xestoso, sobre teatro; Uxío Breogán Diéguez, sobre historia, ou Mónica Pazos, sobre literatura infantil e xuvenil.

Guillerme Vázquez e Antón Losada son algunha das novas sinaturas da sección de Opinión

A respecto da sección de Opinión, ás columnas dos colaboradores e colaboradoras habituais –Pilar García Negro, Xavier Queipo e Luz Darriba- incorporaremos sinaturas como a de Guillerme Vázquez, ex portavoz nacional do BNG, ou a de Antón Losada, profesor de Ciencias Políticas na USC. Na sección de Política, contaremos con colaboracións do analista Manuel Monge e do politólogo Manuel Anxo Fernández Baz.

Consolidación do medio

Xoán Costa, presidente do Consello de Administración, afirma que a mudanza gráfica en Sermos Galiza dá resposta “ao mandato da Xunta Xeral de accionistas que nos encarregou buscar, a través dun novo deseño, e tamén dunha nova estrutura, a consolidación do medio, ao tempo que chegamos a novas leitoras e leitores”. Engade que as modificacións “veñen dadas para marcar claramente camiños separados entre o dixital e o papel, procurando que este aborde o tratamento da información de maneira mais pausada, o que non significa fóra da actualidade”. Pon de manifesto que “queremos demostrar que é posíbel facer un medio en que teñan cabida todos os intereses galegos”.

O presidente do Consello de Administración considera que “o feito de sermos o único exemplo de semanario en galego xa é un valor engadido para nós. Daí o mandato da Xunta de Accionistas: consolidar o medio e dalo a coñecer entre toda a sociedade”. Engade que “cando consigamos isto, ese será o verdadeiro valor de Sermos Galiza”.

O galego, nos quiosques

Mexuto: "Imos aprofundar liñas, a análise, a reflexión, e en todo caso ensancharmos algúns regos, nomeadamente o do xornalismo de investigación"

“Este novo Sermos é en realidade un impulso nunha dirección xa explorada no proxecto desde o seu inicio”, explica Xosé Mexuto, director do semanario, que salienta que “o que imos facer é aprofundar liñas, a análise, a reflexión, e en todo caso ensancharmos algúns regos, nomeadamente o do xornalismo de investigación”. “Falarmos de xornalismo de investigación é quizá un tanto pomposo e non sempre está ao alcance dos recursos propios. Mais a nosa vocación está aí, a de revelar as verdades incómodas para os poderes. Nunha palabra, facer xornalismo. Iso vaise ver moi claramente na orientación da reportaxe que abra cada número”, expón. E é que cada semana dedicaremos as primeiras páxinas do Sermos a debullar con profundidade asuntos de interese xeral na sección Tema de Primeira.

Xosé Mexuto subliña que Sermos é necesario porque “é ante todo un proxecto social, xurdido da base da nosa nación. É necesario porque o que producimos, un semanario en lingua galega, é un produto único, o que garante a presenza do noso idioma nos quiosques”. “Esa condición -infeliz, xa nos gostaría estarmos acompañados!- supón unha enorme responsabilidade para a Redacción de Sermos, mais tamén en certo xeito, e dígoo con humildade, un orgullo”, sinala. “Sermos é necesario porque na Galiza é necesario, é indispensábel, o xornalismo galego, o xornalismo comprometido co país. O que conta o que sucede con óculos propios, non cos ollos de Madrid", resume o director do semanario.